As Letras Galegas máis sentidas na Costa da Morte e en Galicia 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

As Cantareira de Verdillo, con dúas históricas tocadoras da parroquia, Pepa e Ermitas
As Cantareira de Verdillo, con dúas históricas tocadoras da parroquia, Pepa e Ermitas ANA GARCÍA

Malpica, Muxía e Cerceda son as vilas natais das homenaxeadas pola Real Academia este 17 de maio. A comarca érguese en recoñecementos a elas sete e a todas as que representan

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende as dedicadas ao bardo pontecesán Eduardo Pondal no 1965 e ao muxián Gonzalo López Abente no 1971, estas do 2025 son as terceiras Letras Galegas que veñen para a Costa da Morte dende a instauración deste recoñecemento no 1963, ano do centenario da publicación da obra de Rosalía de Castro Cantares gallegos. Un ano este presente ben singular, primeiro por tratarse de sete nomes os recoñecidos, e non un, e segundo por non ser autoras ao estilo clásico, con produción escrita, senón oral. O tributo da RAG á literatura popular a través da figura das cantareiras Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás, Teresa García, Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido non só veu poñer o foco da cultura galega neste territorio atlántico e no seu patrimonio inmaterial, senón que levou a moitos a volver a vista a el, á riqueza de a cotío, refráns, contos, coplas, pezas de música e xeitos de tocar que son identidade. Son estas do 2025 as Letras máis do pobo.

Eva Castiñeira. Cumpriría o vindeiro 25 de xullo os 100 anos. Naceu no 1925, era de Agranzón, Ozón, Muxía. Aprendeu a cantar e tocar xa de nena, en panilladas e demais. Migrou ao barrio coruñés de San Pedro de Visma, e de aí pasou a ser a primeira pandeireteira en tocar cun grupo folk: Milladoiro.
Eva Castiñeira. Cumpriría o vindeiro 25 de xullo os 100 anos. Naceu no 1925, era de Agranzón, Ozón, Muxía. Aprendeu a cantar e tocar xa de nena, en panilladas e demais. Migrou ao barrio coruñés de San Pedro de Visma, e de aí pasou a ser a primeira pandeireteira en tocar cun grupo folk: Milladoiro. PABLO QUINTANA

Pandeireteiras de Mens. Debido ao requisito da RAG de ter que levar máis de dez anos falecidas para poder ser homenaxeadas, entran netras Letras Galegas Teresa García, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido. Mais tamén hai que lembrar a Adela Rey e a Teresa Lema.
Pandeireteiras de Mens. Debido ao requisito da RAG de ter que levar máis de dez anos falecidas para poder ser homenaxeadas, entran netras Letras Galegas Teresa García, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido. Mais tamén hai que lembrar a Adela Rey e a Teresa Lema. ARQUIVO AF ATURUXO

Rosa e Adolfina Casás. Sobriña e tía, con só dous anos de diferenza, nacidas na Vila da Igrexa, Cerceda. Labregas con pouca terra, traballaron duro nas tarefas máis diversas. En marzo de 1980 chegou a elas a suíza Dorothé Schubarth, e aí gravaría un capítulo destacado do «Cancioneiro popular galego».
Rosa e Adolfina Casás. Sobriña e tía, con só dous anos de diferenza, nacidas na Vila da Igrexa, Cerceda. Labregas con pouca terra, traballaron duro nas tarefas máis diversas. En marzo de 1980 chegou a elas a suíza Dorothé Schubarth, e aí gravaría un capítulo destacado do «Cancioneiro popular galego». APOI / MUSEO DO POBO

Malpica, actos centrais

Levantada a comarca en recoñecementos, e máis alá de actos destacados en Muxía, terra de Eva Castiñeira, e Cerceda, a de Rosa e Adolfina, non pode deixarse de sinalar Malpica como epicentro da celebración das Letras Galegas este 17 de maio. Así, o sábado, a partir das 11.00 horas, terá lugar nas Torres de Mens o acto institucional da Xunta de Galicia. Mens era a terra de Teresa, Manuela, Prudencia e Asunción, e tamén por esa pertenza se desprazará a Real Academia Galega ata o centro cívico de Malpica. O 17 de maio, ás 12.30, a institución celebrá un pleno extraordinario de acceso libre, con alocucións de Ana Boullón, Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero. Poderá seguirse en directo en academia.gal.

«Letras cantadas», en Carballo

En Carballo fíxose destas Letras a mellor escusa para reivindicar e visibilizar a inmensa riqueza do folclore propio. Promovéronse xa xornadas como Vivan as do meu lugar ou a Ruada das Cereixas de Arume, tributo ás tocadoras da parroquia de Berdillo. Aínda quedan varias citas por diante neste senso, pero dúas sumamente destacadas este venres 16 de maio. A primeira, a inauguración da exposición Letras cantadas, ás 18.00 horas nas Escolas Agra de Caldas, homenaxe municipal ás cantareiras carballesas máis emblemáticas. A segunda, ás 20.30 horas, no Pazo, o Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega: é o recoñecemento da institución ao peso de Bergantiños na tradición. As entradas xa están esgotadas, mais pode seguirse vía streaming dende a web do CCG.

E ADEMAIS... 

Ademais dos actos centrais da Xunta e a RAG este 17 de maio, haberá outros destacados recoñecementos na Costa da Morte estas Letras Galegas:

  • CERCEDA. Este venres 16 de maio, ás 18.00 horas, colocación de placas nas vivendas das homenaxeadas Rosa e Adolfina Casás Rama, na Vila da Igrexa. O tributo inclúe logo teatro no auditorio, coa representación de «As ferreñas». O propio 17 de maio, ás 11.00 horas, inaugurarase o mural As Cantareiras, con actuación das pandeireteiras A Xunqueira das Encrobas.
  • MUXÍA. Este domingo 18 de maio, ás 12.00, homenaxe a Eva Castiñeira en Agranzón, Ozón, con instalación de placa na súa casa natal. Tocan As Abaladeiras.

  • MALPICA. O luns 19 de maio, ás 10.00, Ao son das nosas pandeireteiras: vai por elas, no campo da festa de Mens, acto promovido polo CRA Nosa Señora do Faro. O 20 de maio, ás 12.00, homenaxe das novas xeracións malpicás ás Pandeireteiras de Mens, na igrexa de Santiago de Mens: organiza o IES Urbano Lugrís. Para o 15 de xuño ás 19.30 horas, no auditorio do centro cívico, quedará o festival de 70.º aniversario da agrupación folklórica Aturuxo, homenaxe tamén ás de Mens. Xa dende o sábado 7 se poderá ver neste espazo unha mostra conmemorativa.
  • CARBALLO. O 19 de maio, ás 12.00, no colexio Gándara-Sofán, tributo a Consuelo dos Queixos, cantareira de Berdillo. O 30 de maio, na Praza, ás 11.00, tributo dos institutos carballeses e o Eduardo Pondal ás cantareiras, con música e con baile.
  • DUMBRÍA. O 25 de maio, xuntanza de cantareiras novas e maiores, con memoria do paso de Dorothé por Dumbría e da regueifa.