A poboación vai a menos e cada vez está máis envellecida. Con idades medias que superan os 50 anos, é lóxico que os Concellos se esforcen en atender as necesidades deste sector da poboación e en ofrecerlles propostas de lecer, como eses grandes xantares aos que son convidados cada ano centos de maiores de cada municipio. Zas xa tivo o seu e axiña virán outros como o de Vimianzo, Malpica e Cerceda. Fanse para confraternizar, para combater a soidade, para que a veciñanza de diferentes parroquias entre en contacto, para poñer en valor os esforzos de toda unha vida... e de paso, e se se pode, seguramente para rascar algún voto.
Tampouco se pode negar a oferta que hai para os máis pequenos da casa. En tempadas como o entroido ou o Nadal, case todo o que se promove está pensado para eles: monicreques, teatro e concertos infantís, conciliación... Claro que cando un fala de conciliar, campamentos de dúas horas ao día pouco poden facer por familias que nin sequera teñen nos seus municipios servizo algún de canguraxe ou escola infantil. E tendo en conta que na maioría dos casos son as nais as que acaban tendo que antepoñer a familia á súa carreira profesional, fraco favor se lle fai á loita feminista.
Aínda que escasa, a oferta lúdica e de servizos para os adultos está tamén aí. Algo de teatro, algún que outro monólogo, concertos de cando en vez... Pero se hai un colectivo esquecido, é o dos adolescentes e o dos rapaces de vinte e tantos. Que hai para eles, acaso? De seguro tamén lles gustaría que se tivesen en conta os seus intereses, ter oferta, opcións fóra das cidades. Para cando un xantar dos mozos?