«Saberes»: máis memoria e fondo documental coa Fundación Pondal

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A entidade, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, pon en marcha un novo proxecto audiovidual, co cineasta Omar Rabuñal á fronte

10 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal (O Couto, Ponteceso) seguirá agrandando o seu arquivo audiovisual en torno á sociedade e cultura local. Van 15 anos de traballos neste sentido. Así, logo dos proxectos Titania S.A (2010), Que din os rumorosos? (2019), Saberes de muller (2020), Ninguén: non des a esquecemento (2022) e Literatas: as mulleres do mar (2023) chegará este 2025 o documental Saberes. Máis fondo de imaxes de memoria, pois, para esta entidade.

A presentación da iniciativa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, reuniu o martes no Couto ao director do filme, Omar Rabuñal, así como ao presidenta da fundación, Xosé María Varela; o historiador Luís Giadás, e Sofía González, responsable de imaxe das Aulas Científico-Tecnolóxicas da FEP. A mina de Titania en Balarés, o estratéxico sector da madeira na Costa da Morte, experiencias, lembranzas e reflexións de mulleres, relatos dos balbinos da zona ou vivencias das mulleres vinculadas ao mar nesta comarca foron os temas tocados previamente.

Saberes, segundo o divulgado, será unha fita duns 30 minutos de duración que recollerá testemuñas a xeito de taller de memoria sobre a xuventude, obtidas todas elas entre persoas de máis de 65 anos. Procúrase unha «cultura e indiosincrasia únicas». Profesións, festas, ocio, relacións socias e de parella, educación, así como cultura oral e folclore serán os eixos temáticos do proxecto. Gravaranse experiencias vitais de aproximadamente doce mulleres e homes: «Non fuxiremos das divagacións, xa que as mellores historias poden estar agochadas en recónditos vieiros».