



















Unhas 300 persoas acudiron á chamada da xunta local da AECC no restaurante Punta del Este
05 abr 2025 . Actualizado a las 23:17 h.O cancro non fai distinción. Dun xeito ou doutro, máis cedo ou máis tarde, acaba petando na porta de case todos os fogares, de aí que a loita contra esta enfermidade, a recadación de fondos para alentar a investigación, sexa tamén cousa de todos. Viuse ben este sábado no restaurante Punta del Este, onde a xunta local carballesa da Asociación Española contra o Cancro (AECC) volveu celebrar unha nova edición da súa comida solidaria. Comensal arriba, comensal abaixo, segundo contaban dende a agrupación ás sete da tarde, foron unhas 300 persoas as que alí se reuniron para aportar o seu gran de area. A esa hora bailaban os máis festeiros ao ritmo da música de Ánimus, logo de dar conta dunhas viandas que, coma sempre, gustaron.

A loita contra o cancro ten armada unha mesta rede de colaboración na Costa da Morte, e así había onte no Punta del Este representación das xuntas locais de A Laracha, Arteixo, Vimianzo, Muxía, Camariñas, Coristanco, Fisterra ou Cabana, mais tamén doutras entidades sociais, caso de Cáritas, Un Paso Máis, Ataxia Costa da Morte, Aspaber ou Vieiro. Todos os grupos políticos da corporación municipal, co alcalde, Evencio Ferrero, á cabeza, participaron tamén deste encontro, un dos máis senlleiros e multitudinarios da comarca. Nel houbo, doutra banda, representación da xunta provincial coruñesa da AECC, na figura do seu vicepresidente.

Andaina na Laracha, o 1 de maio
Vén de comezar abril, pero no mes de maio xa hai previstas cando menos dúas citas solidarias contra o cancro. Unha delas será o día 1, xoves, xornada festiva: aproveitando esa circunstancia, a xunta local da Laracha ten programada unha andaina con saída da Praza Les Sables d’Olonne ás 10.45 horas. Serán algo máis de seis quilómetros de itinerario, e as inscricións xa se poden facer vía web ou nos locais Ximnasio Tempo, piscina municipal, farmacia Iturbe, froitaría Sandra ou floraría Casbo. Hai opción de colaborar mediante dorsal solidario, para quen non poida acudir. Nun caso e noutro, os adultos, 5 euros; os nenos ata 12 anos, 3. Tamén en maio, o día 24, ten programada a súa cea anual a xunta local da AECC en Cabana.