Carballo acolleu unha reunión do Eixo Atlántico sobre requisitos para novas liñas de financiamento europeo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

Facenda esixe ás cidades unha Axenda Urbana cun plan de acción

10 may 2024 . Actualizado á 12:31 h.

Representantes de quince dos vinte concellos galegos que forman parte do Eixo Atlántico reuníronse onte en Carballo para abordar os requisitos para optar a novas liñas de financiamento europeo. O organismo está composto por 39 municipios de Galicia e o norte de Portugal.

A subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, Sonia Hernández, e o conselleiro territorial da subdirección xeral de Desenvolvemento Urbano do Ministerio de Facenda, Luis Pedro Arechedera, ofreceron no encontro as claves para optar a fondos europeos con maiores garantías de éxito.

Facenda esixe que a cidade que opte a unha ETI (Estratexia Territorial Integrada) teña unha Axenda Urbana cun plan de acción propio, cuantificado e aliñado coa dobre transición, verde e dixital.

Na inauguración participou o concelleiro de Fondos Europeos, Iván Andrade, que tamén pechou o acto coa presentación do plan de acción da axenda urbana de Carballo, que servirá a outros como modelo de boas prácticas, e a alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro, que lembrou que o Fórum, onde se celebrou o encontro, foi precisamente financiado grazas a diñeiro procedente da Unión Europea. Animou aos participantes no acto para apostar por proxectos que convertan aos municipios en «bos lugares para vivir». Así mesmo estiveron o vicepresidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.

Desde o Eixo Atlántico avogan porque poidan participar nas ETI localidades que sexan centro de áreas funcionais e que sumen 20.000 habitantes, que é o mínimo requirido, tanto en Galicia como en Portugal.