A Deputación chega a Fitur para mostrar o mellor da provincia e ademais reflexionar

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Uno de los actos organizados por Turismo de la Deputación en la edición del año pasado de Fitur
Un dos actos organizados por Turismo da Deputación na edición do ano pasado de Fitur DEPUTACIÓN

Un vídeo exhibirá as paisaxes máis espectaculares, pero tamén imaxes do que se desexa evitar, desde a polución á contaminación

24 ene 2024 . Actualizado á 09:37 h.

Fitur, que empeza hoxe en Madrid, é unha enorme feira do turismo na que case todo é hiperbólico. Incluídos os vídeos promocionais, que nos últimos anos foron incluso a máis con músicas épicas e paisaxes de infarto, case sempre desde dron. Non deixará de habelos, porque ademais se comparten por miles ou decenas de miles, e o seu efecto multiplicador permite que o destino seleccionado chegue a públicos que, doutro xeito, serían alleos a esas propostas. Iso non vai faltar nestes primeiros tres días de cita internacional, e a Deputación dá a Coruña, a través da área de Turismo da Vicepresidencia que dirixe Xosé Regueira, tamén o fará, pero quere ir un pouco máis aló.

Á unha, no estade de Turismo de Galicia, preséntase Provincia da Coruña, Territorio Sostible. Servirá para explicar a estratexia de sustentabilidade baseada nos cinco plans de sustentabilidade turística en destino. Son os Fogóns do Anllóns, en Bergantiños; Fragas do Eume, Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal; Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, e Centro Histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra. Sobra dicir que con estes alicientes, as imaxes (e sobre todo o material e os traballos elaborados en cada unha desas zonas) prometen. «Pero tamén, dende un punto de vista reflexivo, queremos poñer sobre a mesa os puntos negros, a peor cara do turismo, as masificacións, a polución...», sinalan desde o organismo provincial. E isto si que é novo. En Fitur nunca se ve nada feo, anticanónico para a dinámica de promoción. «Facémolo para invitar a reflexionar sobre a verdadeira sustentabilidade turística, que tamén é iso: evitar masificacións, ter moi en conta á poboación local... Para dirixirnos a un perfil de visitante que valora moito a calidade por riba da cantidade», explican. Turismo si, pero con respecto, sen excesos, cos máximos beneficios para os que veñen e os que xa están. As imaxes darán que falar, pero esa é xusto a idea.

Ademais de Regueira, falarán o deputado Antonio Leira e o presidente, Valentín González Formoso, e proxectarase outro vídeo, este sobre a promoción da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que ademais vai seguir crecendo cara ao norte. Unha ruta espectacular, aínda nos seus inicios, que aproveita a vella vía de tren entre Santiago e A Coruña e que agora é un paraíso para camiñantes e ciclistas.

Todo isto será hoxe, pero o venres haberá outra cita, tamén á unha, na que Regueira falará sobre Cabo Ortegal, Territorio Xeolóxico, nunha presentación sobre os geoparques mundiais da Unesco en Galicia, na que tamén participarán representantes da Xunta, da Rede Mundial de Xeoparques, e de diferentes entidades e concellos.

Máis aló de actos específicos, o vicepresidente intervén en numerosas reunións, foros e actividades relacionadas co turismo provincial. Hoxe mesmo farao no acto Ferrolterra Petfriendly: un destino para toda a familia, ademais da presentación do Festival de Ortigueira, organizado polo Xeodestino Ferrolterra e a mancomunidade de municipios da comarca de Ferrol; na presentación do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2024, ou no Galicia Fórum Gastronómico.