Un profesor luso localiza o primeiro geoglifo nos Penedos de Pasarela

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOSÉ AMEIXEIRAS

A figura aparecida na roca formouse fai máis de 300 millóns de anos

02 jun 2023 . Actualizado á 13:42 h.

Os Penedos de Pasarela e Traba seguen manando sorpresas. O catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní acaba de facer público que un profesor portugués localizou o primeiro geoglifo na área das figuras pétreas esparexidas polo macizo repartido entre Vimianzo e Laxe.

Localizou esta figura natural Francisco Sousa, profesional do ensino que imparte Ciencias Naturais no país luso. Explica Vidal Romaní que se trata dunha manifestación de «orixe magmática». O seu apuntamento científico é que «hai orientación dos minerais e tamén separación en zonas con cristais de feldespato de tamaño groso e outras ao lado de gran mineral fino». Isto quere dicir, agrega, que se formou cando o granito estaba a piques de consolidarse, fai máis de 300 millóns de anos. «Sería a partir dese momento —indica Romaní— cando empezarían a formarse as superficies de exfoliación que despois, ao romperse, orixinaría todas as formas do parque zoolóxico do Paleozoico».

J. RAMON VIDAL ROMANÍ

O geoglifo é anterior, pois, á consolidación total do granito. É moi similar a outros dous casos en Galicia, un no monte de Ou Pindo, e o outro no Gorgullo, en Antas de Ulla. «Todos teñen forma de caracol, ou laberíntico», indica o xeólogo.