Paro total do transporte de autobuses na Costa da Morte

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Toni Longueira

Na estación de buses de Carballo o seguimento foi do 100% durante a mañá, segundo os convocantes da mobilización

01 abr 2023 . Actualizado á 10:18 h.

O seguimento do paro no sector dos autobuses foi total na Costa da Morte. Na estación de Carballo só saíu un vehículo en toda a mañá para cumprir cos servizos mínimos. O resto da flota permanece aparcada nas plataformas. Segundo os traballadores e representantes sindicais presentes na recinto, a folga tivo un seguimento do 100%, tanto na UTE Galicia como na empresa Arriva. De feito, quedaron suspendidos dous servizos, fixados para a unha da tarde.

Os traballadores, seguindo, as liñas marcadas polos representantes sindicais, apuntaron a pé de plataformas que o convenio que regula a actividade neste sector do transporte público de Galicia leva sen actualizase hai máis de catro anos, cando debe ser regularizado cada tres. Insisten en que non se conforman coa proposta da patronal do 0,8% de subida salarial e que reclaman como subida a inflación, 6,4%, máis un punto adicional. De feito, na estación de autobuses carballesa apuntaron esta mañá que este paro de 24 horas será só a antesala de máis mobilizacións se non se acada un acordo en breve. Os colexios tampouco tiveron servizo de transporte, salvo os servizos mínimos fixados pola Administración e non houbo que lamentar incidentes como consecuencia deste paro.