Enrique de Salvador cuantifica en 40 millóns o gasto da Xunta en estratexias da paisaxe

Xosé Ameixeiras
a. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Enrique de Salvador
Enrique de Salvador BASILIO BELLO

Foro Voz Paisaxes Pondalianas | O director do Instituto de Estudos do Territorio clausurou Foro Voz e destacou que a contorna do val pondaliano é un exemplo de boa conservación

24 abr 2022 . Actualizado á 20:40 h.

As paisaxes pondalianas son tan reais como literarios. Son fonte de creación para poetas, pero tamén o son de inspiración para artistas e de recursos culturais, de lecer, deporte, ocupación e desenvolvemento humano e económico. E este foi outro dos aspectos abordados no foro de onte en Ponteceso.

As actividades tiveron continuidade pola tarde coa intervención do director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador Sánchez, quen destacou a participación da mañá de Pedro Calaza Martínez e o innovador proxecto de hostalería na natureza, e respectando todos os requirimentos ambientais, de Rafael Varela e Silvia Facal.

Apuntou, ademais, que no seu departamento están moi «sensibilizados coa paisaxe», así como o esforzo que fai o Goberno autonómico para o desenvolvemento de lei do 2012 e toda a regulamentación que veu a continuación. Neste aspecto, destacou que Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en lexislar sobre a materia. Afirmou neste sentido: «Avanzamos moito dende o 2012». En canto a estratexias, a Xunta inviste entre os anos 2021-24 a cantidade de 40 millóns.

Aludiu noutro momento ás 50 comarcas paisaxísticas que son obxecto de atención e das 24.000 unidades de paraxes de Galicia, entre as que aludiu ás de Balarés, estuario do Anllóns e Roncudo, «claros exemplos de paisaxe ben conservada» e un «patrimonio de gran valor». Enrique de Salvador interveu a modo de clausura e fíxoo en Balarés, ante cuxo areal se rendeu en eloxios, «unha praia en forma de anfiteatro, un exemplo de evolución positiva». Concluíu dicindo que se Pondal, que escribiu sobre estes lugares, estivese presente «estaría máis ou menos satisfeito do labor que se fai».

X. AMEIXEIRAS

Diana Varela e Natalia Lema interviñeron con fragmentos das súas obras literarias

O foro de onte coincidiu coa celebración do Día do Libro, así que foron as poetas Diana Varela e Natalia Lema as encargadas de pórlle fin cun recital. Varela Puñal dixo sentirse encantada da ocasión e lembrou que, sendo nena, recibiu o seu primeiro premio literario en O Couto das mans de Xosé Neira Vilas, un exemplar de Memorias dun neno labrego dedicado e mais unha flor. Agora goza do éxito de A conxura, galardoada tamén pola Fundación Neira Vilas. «Un delicioso disparate», onde hai moito da súa terra, da súa paisaxe e das súas vivencias, e do que ofreceu un fragmento.

Diana Varela Puñal
Diana Varela Puñal basilio belo

Natalia Lema comentou que o seu Do amor e ou delirio é froito dos momentos de saturación pandémica e de reflexións en paisaxes como Pico de Meda, San Bartolo ou a ponte de Brandomil. Recitou os poemas Ela e Acivro, «unha metáfora de coidar o noso».