Os concellos aínda teñen moita débeda cos represaliados

Luis Lamela

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Apuntamentos históricos | Salvo algunhas excepcións, o esquecemento é a regra xeral nos municipios de Soneira e Fisterra

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas últimas eleccións municipais o mapa do partido xudicial de Corcubión tinguiuse de vermello. Non é a primeira vez na actual democracia. Nesta esquina atlántica, o bloque de esquerdas imponse frecuentemente, co PSOE e os nacionalistas do BNG. Con todo, este claro apoio aos partidos progresistas non se traduciu ata agora en cumprir a Lei de Memoria Histórica, en recoñecer institucionalmente, lembrar e dignificar aos represaliados do franquismo, en devolverlles o nome aos sacrificados por pensar distinto e por loitar por dereitos democráticos hoxe vixentes.

A memoria é un acto de vontade. Para que haxa memoria hai que querer lembrar, individualmente ou como sociedade. O pasado 16 de xuño vimos a noticia, comunicada polo coordinador comarcal do PSOE, Lalo Insua, de que «é hora de que se mire algo pola memoria histórica», noticia que é de agardar e desexar non quede no mero acto simbólico de colocar un ramo de flores no conxunto escultórico de Álvaro de la Vega, en Cee, lugar onde si se refuxia a memoria, e estean os novos mandatarios á altura dos tempos.

Primeiros albores

Na actualidade, o estado desta cuestión, despois de máis de 40 anos de democracia, atópase nos primeiros albores. E, agora, que xa se formaron as corporacións hai que recapitular.

O Concello de Camariñas, por exemplo, con gobernos do PSOE 40 anos, nunca lembrou nin recoñeceu institucionalmente aos veciños que o franquismo asasinou ou encarcerou ou depurou laboralmente, ou expropiou economicamente, ou represalió psicoloxicamente... Entre 1936 e 1938 foron fusilados ou paseados Ramón Carballo Tajes, Andrés Celestino Balsas Bello , Manuel Carracedo Balsas, Jacinto Campaña, Pacífico Campa Santos, Adolfo Antonio Grela, Faustino Divos Vidal, Juan Fernández Moreira, José Campa Santos, Antonio Santos, Castañiñas..., e pasados 80 anos da súa morte nunca lles recoñeceron nin lembrado, nin dignificado, apresurándose as sucesivas corporacións a dalos por esquecidos, a deixalos atrás con alivio, traizoando raíces ideolóxicas e tamén partidistas.

Indignidade

Agora, a nova alcaldesa, Sandra Insua, talvez poida, e queira, reparar tanta inxustiza, abandono, marxinación e indignidade vertida polo franquismo, e resarcir moralmente aos familiares, elevándolles a autoestima e póndose no seu lugar. Isto é, empatizar con elas, e devolverlles o orgullo de ser descendentes daqueles demócratas sacrificados, que seguen cunha dor herdada. Por iso, a mandataria ten o reto de crear en Camariñas as condicións necesarias para que os familiares dos represaliados sacudan silencios e medos; familiares aos que deixaron sos máis de 80 anos, con fillos con infancias perdidas e mal sobrevivindo no ambiente hostil.

Tamén en Muxía existiu silencio ata agora. José Agnes Agnes, mariñeiro, sindicalista da UGT, socialista xa que logo, foi condenado a 20 anos de prisión. Manuel Barrientos, igualmente da UGT, a 20 anos. E trasladado posteriormente ao penal de San Cristóbal de Pamplona resultou morto ao participar na fuga masiva do 22 de maio de 1938. Antonio Blanco Castro, oficinista, da UGT, foi condenado a 20 anos. Manuel Búa Marcote, mariñeiro, da UGT, a 12 anos e un día, e Emilio Conde Martínez, militar, tripulante do buque Contramaestre Casado, a cadea perpetua. E os mariñeiros José Gómez Hernández, Carlos López Pérez e Carlos Sar Marcote estiveron presos no campo de concentración da illa de San Simón. E máis represaliados depurados laboralmente como Gonzalo López Abente ou o médico Alejandro Abella, entre outros, ou sancionados economicamente, ou agredidos por gardas civís e falanxistas... e aínda que non foi unha represión tan grave como a de Camariñas ou Cee, nada se fixo tampouco.

En Vimianzo , gobernado polo PSOE moitos anos, tampouco se fixo nada. Foi unha asociación, Adiante Soneira, quen organizou unha homenaxe colocando nos accesos do castelo medieval unha placa de bronce nun monólito a rentes do chan e varias xornadas e homenaxes polas anteriores corporacións do BNG e Adiante Vimianzo.

En Zas, un concello gobernado pola dereita moitos anos, e agora polo BNG, nada fixeron para lembrar institucionalmente ás autoridades municipais e funcionarios que sufriron prisión e represión económica e laboral. Manuel Costa García, presidente da agrupación local de Esquerda Republicana sufriu cárcere acusado de rebelión militar e condenado despois á pena de morte, conmutada por cadea perpetua; o secretario da agrupación, José Rodríguez Gómez, acusado de rebelión militar e a pena de morte, e tamén conmutada. O oficial primeiro do concello, Luis Cereijo Mosquera, foi depurado do seu posto de traballo e condenado á morte, conmutada, e tamén foi depurado o funcionario Manuel Díaz Martínez.

En contraposición aos anteriores, en Cee os políticos do PSOE pronto reaccionaron e cando en Corcubión nomearon Fillo Predilecto, a título póstumo, a Pepe Miñones, o alcalde da Xunqueira, Manuel Lamela Lestón, confesoume a súa intención de organizar unha homenaxe aos represaliados do 36, cun conxunto escultórico levantado no recheo, aínda que o texto na placa de bronce ignora os nomes dos ceenses asasinados.

En Dumbría , gobernada tamén polo PSOE, o alcalde, José Manuel Pequeno, que segue gobernando na actualidade, organizou en novembro de 2006 na casa de cultura de Berdeogas, a proposta da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, unhas xornadas de homenaxe a Máximo Injilde Maceiras, un dumbriés falecido en Francia nun enfrontamento armado cos nazis e a outros tres individuos orixinarios do municipio falecidos no campo de exterminio de Mauthausen.

E, Fisterra, foi o único concello no que o PP patrocinou unhas xornadas en homenaxe ao alcalde paseado, Cipriano Fernández, promovidas hai anos por un grupo de inquedos mozos locais. No entanto, o PSOE, que gobernou antes durante un mandato, e segue agora co BNG, nada fixo. Nin con Ramón Lamela Marcote, asasinado en Mauthausen, nin cos exiliados e demais represaliados, e segue sen cambiar fisicamente a placa da rúa que homenaxea ao falanxista Manuel Lago Pais.

Pola súa banda, Corcubión, onde gobernou o BNG nunha primeira e longa etapa da actual democracia, foi pioneiro en homenaxear aos represaliados do franquismo por medio do deputado por Unión Republicana e fillo do pobo, Pepe Miñones. Indubidablemente, Corcubión é un exemplo elocuente de como se recupera a memoria histórica dos seus fillos asasinados, consolidándose como un dos referentes na recuperación da devandita Memoria Histórica: unha rúa dedicada a Pepe Miñones, un monólito con placa fronte ao seu domicilio, o nomeamento de fillo predilecto a título póstumo, conferencias e charlas sobre a súa figura, ofrendas florais...

Os historiadores, ademais de incomodar e sacudir conciencias, somos o antídoto do esquecemento. Pero agora son os demais, neste caso as corporacións locais, os que deberían tomar conciencia e actuar. Agardemos que o establishment político actual non escatime o recoñecemento institucional a esta xente.

Algúns nomes