Os caídos en Mauthausen: Manuel Piñeiro, de Berdeogas

luís lamela

CARBALLO

CEDIDA POR LUIS LAMELA

Comezamos coa serie sobre os veciños da Costa da Morte falecidos nos campos de Mauthausen e Gusen. Manuel Piñeiro, de Berdeogas, faleceu en 1942, aos 36 anos

13 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

E l BOE publicou o pasado día 9 un anuncio de notificación coa listaxe de españois falecidos nos campos de concentración nazi de Mauthausen e Gusen, en Austria. E nel tamén aparecen os veciños da Costa da Morte falecidos naqueles infernos nazis.

Un foi Manuel Piñeiro Agulleiro que naceu en Alvarellos-Berdeogas (Dumbría) o 6 de decembro de 1.905, fillo de Manuel Piñeiro Lado, labrador, e de Manuela Agulleiro Santos. Tiña a profesión de xornaleiro e estaba solteiro en 1.936, e no mes de outubro do devandito ano atopábase avecindado en Barcelona, cidade na que superou as probas de ingreso ao Corpo dos Gardas de Asalto, tomando posesión da súa praza en Madrid o 6 de outubro do mesmo ano, precisamente na 12ª Compaña de Asalto de Reserva. En novembro de 1.937 foi destinado a Valencia á 26ª Compaña, e no mes de abril de 1.938 foi trasladado a Barcelona, á Quinta Compaña do 40º Grupo de Asalto. Tamén estivo destinado no 22 Grupo de Asalto, e coa derrota do exército republicano exiliouse en Francia. Ao declararse a Segunda Guerra Mundial integrouse nos batallóns de Traballadores Estranxeiros franceses destinado á liña Maginot, pero pronto foi detido e preso en Ludwigsburg. Despois foi trasladado ao campo de Mauthausen o 14 de xuño de 1.941 co número 6.622, procedente de Francia, ST. F. 123, número 661.

Manuel Piñeiro Agulleiro faleceu o 16 de febreiro de 1.942 aos 36 anos no campo de Mauthausen. A súa nai, Manuela Agulleiro Santos, vivía naquel entón en Alvarellos-Dumbría.