Os caídos en Mauthausen: Manuel Rodríguez Louro, do Ézaro

luís lamela

CARBALLO

CEDIDA POR LUIS LAMELA

Seguimos coa serie sobre os veciños da Costa da Morte falecidos nos campos de Mauthausen e Gusen. Manuel Rodríguez, do Ézaro, morreu en 1941, aos 25 anos

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Outro dos dumbrieses exterminado polos nazis no campo de Gusen foi Manuel Rodríguez Louro, nacido o 15 de maio de 1.916 no Ézaro. Mariñeiro de profesión, Manuel foi un dos escapados ao monte do Pindo en agosto de 1.936, co fin de evitar incorporarse ao exército franquista. Meses despois foi tamén un dos individuos que secuestraron o pesqueiro AS nas proximidades das illas Lobeiras, na ría de Corcubión, co fin de trasladarse a Inglaterra e fuxir da contenda civil española. De inmediato, no Reino Unido foron reenviados á zona republicana para vivir unha aventura que relatamos no noso libro, Escapado, do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, de Edicións Xerais.

Coa derrota do exército republicano, Manuel Rodríguez Louro exiliouse en Francia, o mesmo que o seu irmán Joaquín, e en agosto de 1.939 atopábase no campo de concentración de Argelès-sur-Mer, mes no que o seu irmán puido embarcar no vapor Winnipeg para arribar ao exilio chileno, no porto de Valparaíso, precisamente o mesmo día no que en Europa se acendía a chama da Segunda Guerra Mundial, quedando el en Francia «aos pés dos cabalos» dos nazis.

Pouco tempo máis tarde, Manuel foi tamén un dos exiliados españois incorporados aos batallóns de Traballadores Estranxeiros franceses e destinado á liña Maginot. Foi detido polos alemáns cando derrubaron o muro de contención francés e trasladado tempo máis tarde a Mauthausen. Manuel Rodríguez Louro faleceu o día 16 de setembro de 1.941 no comando Gusen, en Hartheim, cando contaba con 25 anos de idade e unha intensa vida de escapado, de loitar durante a guerra civil en España por unha liberdade e unha democracia que nunca conseguiría e de moito sufrimento esclavizado nun campo de exterminio nazi ata a extenuación.