A oferta formativa de Ribeira para maiores refórzase con dous novos seminarios da USC
RIBEIRA
As actividades versarán sobre cine e sobre patrimonio e o prazo de inscrición xa está aberto
05 nov 2025 . Actualizado á 16:52 h.Desde o 2020, o Concello de Ribeira e a Universidade de Santiago de Compostela manteñen un convenio para impartir no municipio formación do cuarto ciclo universitario, para maiores de 50 anos. Neste curso son nove as materias incluídas, pero a oferta verase reforzada nas próximas semanas con dous novos seminarios que versarán sobre cine e sobre patrimonio.
Anunciárono a alcaldesa, María Sampedro, a concelleira Nucha Brión e a directora do ciclo da USC, Esther Oliveira. A rexedora lembrou que co convenio subscribido no seu día coa USC garantiuse o ensino universitario aos maiores de 50 anos sen necesidade de desprazarse a Santiago, converténdose Ribeira na primeira sede externa da universidade compostelá: «O noso compromiso co fomento dos estudos vai máis aló. E por iso, ademais das materias que chegan cada ano con este curso, traemos tamén dous seminarios que amplían a oferta».
Esther Oliveira destacou a boa acollida que teñen as propostas da USC entre os maiores de Ribeira, con 57 participantes na actualidade.
En canto aos dous seminarios que se suman á oferta formativa, o primeiro deles estará impartido por Manuel Gómez Santos e Juan Salvador López Outeiral, con dúas sesións, os días 10 e 17. Serán un Obradoiro de ficción audiovisual e Maiores e creatividade, tras os cales os asistentes porán en práctica o aprendido coa rodaxe dunha curtametraxe que se proxectará o 15 de xaneiro do próximo ano.
O segundo taller correrá a cargo de Victoriano Nodar Fernández e profundará sobre o patrimonio da Idade Media con Os primeiros castelos de Galicia: a chegada do románico. Celebrarase os días 15, 18 e 19 de decembro.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode formalizarse no 881 814 588 ou na secretaría virtual da USC.