Antonio Gómez Caamaño reuniuse coa alcaldesa muradá, María Lago
28 nov 2025 . Actualizado á 11:54 h.Ante as queixas e demandas formuladas desde o goberno local de Muros nos últimos meses polas carencias no servizo de pediatría do centro de saúde, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou que a atención está garantida. Fíxoo nunha reunión de traballo que mantivo coa alcaldesa muradá, María Lago.
O titular do departamento autonómico, que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, explicou que a pediatra titular que estivo ausente por unha causa xustificada incorporouse recentemente ao seu posto e está a traballar con normalidade. Neste sentido, sinalou que asume a atención de algo máis de 900 nenos, unha cifra, puntualizou, que entra dentro das recomendacións establecidas polas sociedades científicas desta especialidade, que sitúan a cota máxima en mil pacientes.
Así mesmo, recoñeceu que hai unha vacante no servizo de pediatría de Muros pola xubilación do titular, pero matizou que a asistencia se está reforzando varios días á semana por outro especialista que complementa a súa xornada ordinaria acudindo a Muros de xeito voluntario. «O resto dos días, a pediatra actualmente en activo asume a atención dos pacientes adscritos a esa praza, garantindo así a continuidade asistencial», detallou.
Sobre a vacante existente, Gómez Caamaño trasladou a María Lago as dificultades que hai para cubrir as ausencias debido á falta de profesionais e animouna a sumarse á Xunta e ao Parlamento de Galicia na reclamación ao Ministerio de Sanidade para que adopte medidas eficaces para paliar a carencia de pediatras e médicos en atención primaria.