A Xunta autoriza unha planta de valorización para unha empresa de reparación e venda de redes de pesca usadas en Boiro

BOIRO

O grupo JJ Chicolino promove o proxecto, que consiste nun centro con capacidade para xestionar un máximo de catro mil toneladas ano
01 oct 2025 . Actualizado á 15:10 h.A planta de valorización promovida polo grupo JJ Chicolino de Boiro, destinada á reparación e venda de redes de pesca usadas, acaba de recibir o visto e prace ambiental por parte da Xunta de Galicia. A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático foi publicada no Diario Oficial de Galicia. O estudo efectuado establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Tamén se indica que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibise ningún escrito ou alegación, á vez que foron consultados oito organismos interesados.
A empresa ten entre os seus ámbitos de actuación a compra de redes usadas para reparalas e polas á venda de novo ou reutilizalas para a fabricación doutros produtos. Desde a Administración autonómica indícase que a compaña posúe na actualidade tres parcelas, cunha superficie de 28.204 metros, en Vilariño. A actividade principal, que continuará nas instalacións xa existentes, será independente.
En concreto, o proxecto consiste nun centro xestor encargado da almacenamento e clasificación de residuos non perigosos para ser reutilizados. A actividade desenvolverase no exterior e estímase unha capacidade de xestión dunhas dúas mil toneladas ano, que pode chegar a unha máxima de catro mil.
Agora, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería do Medio Rural, como órgano encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, asume de novo o expediente