O Concello boirense promove unhas escolas deportivas para todos os rangos de idade
BOIRO
 
	
											A oferta de actividades para adultos comprende ximnasia para xubilados, tenis e o programa Boiro Actívate, específico para persoas con patoloxías
26 sep 2025 . Actualizado á 17:36 h.O Concello de Boiro pon en marcha unha nova edición das súas escolas deportivas municipais en distintas modalidades desenvolvidas coa colaboración dos clubs locais. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, e o técnico de Deportes, Manuel González, presentaron o programa.
A iniciativa inclúe actividades tanto para nenos como para persoas adultas, grazas ao traballo conxunto entre Concello e entidades deportivas. «As escolas deportivas municipais chegan este ano á súa edición número 33 grazas á variedade de clubs que permiten ter múltiples propostas», destacou Manuel González.
A oferta de actividades para adultos comprende ximnasia para xubilados, tenis e o programa Boiro Actívate, específico para persoas con patoloxías. En canto ao programa infantil e xuvenil, inclúense actividades de mellora da motricidade, tenis, ciclismo, atletismo, voleibol, xadrez, remo, piragüismo, baloncesto, tríatlon, natación, golf, vela e patinaxe artística.
As inscricións xa están abertas e poden formalizarse no departamento de Deportes. Obter máis información é posible na web www.boiro.gal, nos teléfonos 679 712 621 e 660 182 443, ou no correo deportes@boiro.org.
«O Concello de Boiro fai unha gran aposta pola promoción do deporte no municipio, non só promovendo estas escolas deportivas municipais senón tamén coas axudas directas a clubs e deportistas e melloras nas instalacións deportivas», afirmou Fajardo.