Cabo de Cruz réndese ao molusco rei: «Habendo mexillóns non como outra cousa»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Miles de persoas degustaron o bivalvo en catro elaboracións moi peculiares

17 ago 2025 . Actualizado á 19:29 h.

Este domingo coincidiron na localidade dúas disciplinas nas que Cabo de Cruz é unha potencia: o remo e o cultivo do mexillón, o que provocou que ás 13.00 horas houbese que andar moi fino para atopar un oco onde deixar o coche. De fiestras e balcóns colgaban bandeirolas vermellas en apoio aos remeiros locais, mentres a chaira portuaria era un auténtico fervedoiro de xente que compraba billetes, facía cola para coller un prato de mexillóns ou oteaba o horizonte buscando un oco para sentar na carpa da edición número 17 da Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz.

A localidade estaba a lume de biqueira de visitantes, pero a degustación gastronómica crucense rompe todos os esquemas a quen considera que este tipo de celebracións son para turistas. Baixo a carpa había moitos veciños de Boiro, dos municipios limítrofes ou do propio Cabo de Cruz: «Mira que eu son de aquí e podo comelos sempre, pero habendo mexillóns non como outra cousa», contaba un home despois de dar conta dun dos miles de pratos degustación que se serviron.

Propostas diferentes

O menú incluía catro preparacións do bivalvo, ningunhas moi peculiares. Por unha banda estaban os clásicos mexillóns ao vapor, que non poden faltar en ningunha exaltación deste molusco que se prece, e por outras elaboracións máis arriscadas, como a hamburguesa con salsa dragón, mejipapas con salsa suave e mexillóns cítricos con lima. O veredicto foi unánime: «Está todo boísimo». Aínda que había quen tiña unha clara favorita entre as racións que se serviron: «Os mexillóns ao vapor sempre, é o mellor».

Os máis pequenos decantábanse polas mejipapas, co molusco rebozado e servido con patacas palla, mentres que a outros lles custaba máis decidirse: «A min o mexillón gústame todo, ao vapor, rebozado, todo, e a hamburguesa tamén estaba estupenda».

O trajín era constante na carpa na que se serviu a comida, e ao redor das 13.30 as colas para recoller a comida case chegaban xa ao exterior: «Agora vén a xente do remo e isto vaise encher».

Había tamén entre os comensais turistas e visitantes, por suposto, que non vían a hora de poder sentar para degustar os apetecibles pratos que tiñan entre mans: «Aí hai sitio, pero non hai cadeiras, imos ver ao fondo».

Precisamente para evitar a molestia de buscar onde sentarse a comer, eran moitos os veciños que collían as racións para levar. Uns sentaban a uns metros, na terraza do bar do club de xubilados, e outros aproveitaban que estaban preto de casa: «É mellor ir comer á casa que andar por aí a buscar sitio», comentaba un matrimonio coas súas bandexas en ristre. O caso era non quedarse sen probar o mexillón de Cabo de Cruz.