Portos investiga a aparición de peixes mortos na dársena da Pobra e nunha praia de Boiro

BOIRO
Indican que podería tratarse de chopa canaria, unha especie sen valor comercial que podería chegar en mercantes ou ser descartada por un barco que a capturaría accidentalmente
21 may 2025 . Actualizado á 04:45 h.A voz de alarma saltaba o luns, cando Portos de Galicia recibía un aviso sobre a chegada dunha cantidade significativa de peixe morto á dársena da Pobra. O organismo público notificou os feitos á empresa Tragsa, encargada da retirada e da xestión deste residuo. Pola noite, outro comunicante avisaba a Protección Civil de Boiro da aparición de exemplares na praia de Barraña. Ata alí desprazáronse, cara ás 22.00 horas, integrantes do equipo de emerxencias que notificaron a actuación ao 112. A información solicitada indica que o peixe localizado carece de valor comercial e distintas fontes apuntan que podería tratarse de chopa canaria.
Con todo, a cuestión está en determinar como estes exemplares acabaron no peirao pobrense, chamando a atención dos transeúntes. Un deles sinalaba que os residuos incluso desprendían mal cheiro.
Para chegar ao fondo desta cuestión, desde Portos de Galicia indicaron que se abriu unha investigación que permita determinar que embarcación tirou o peixe ao mar.
Diversas teorías
Varias das persoas consultadas sinalaron que pode tratarse de peixe capturado accidentalmente e que viñese nas adegas de ningún dos mercantes que nas últimas xornadas atracaron no peirao comercial pobrense para descargar a súa mercancía.
Outras fontes indicaron que podería tratarse dalgunha especie cuxa comercialización non estivese permitida por Sanidade Exterior e que procedese de capturas feitas ilicitamente.
Dado que se descoñece onde foi tirada ao mar a materia prima, non se descarta que nas próximas xornadas poidan volver chegar máis exemplares.
Desde Portos de Galicia indicaron que se manteñen en alerta ante novos avisos que poidan rexistrarse na zona e que persoal de Tragsa encargarase da retirada do peixe e da súa adecuada xestión.