O mar dos Sargazos

Arturo Reboyras
Arturo Reboyras CORNA AZUL

BARBANZA

Sargazo acumulado en la costa
Sargazo acumulado en la costa ESA

Crucéi varias veces o Atlántico, mais nesta última viaxe cara América houbo algo que me chamou especialmente a atención. No mapa do avión apareceu un nome que me devolveu de golpe á infancia: o mar dos Sargazos. A miles de quilómetros da casa, por riba daquela inmensidade azul que xa atravesara noutras ocasións sen reparar no seu nome, volvín escoitar a voz da miña avoa Carmen de Barro e sentir o arrecendo das algas que o mar deixaba na ribeira noiesa.

De pequeno acompañábaa a recoller argazo para estercar as leiras. Daquela non había nada extraordinario naquel traballo: o que traía a marea aproveitábase para alimentar a terra, nunha forma sinxela e sabia de entender a vida. Eu miraba, preguntaba e escoitaba. A miña avoa falábame do mar dos Sargazos, un lugar que na miña imaxinación infantil quedaba tan lonxe que case parecía inventado.

Anos despois souben que aquel mar existe, aínda que non teña costas. Son as correntes do Atlántico as que debuxan os seus límites, e ata alí viaxan as anguías dos nosos ríos galegos para reproducirse. As crías emprenden logo unha longa travesía de regreso a Europa. Hai algo conmovedor nesa fidelidade aos camiños invisibles da auga, nesa maneira de volver sen coñecer o destino.

Mentres o avión avanzaba sobre o océano, comprendín que aquel nome nunca fora para min unha simple referencia xeográfica. Era a miña avoa, as súas mans traballadoras, a ribeira de Noia e unha maneira de vivir na que nada se desperdiciaba. O mar dos Sargazos seguía alí abaixo, inmenso e distante. Pero, por un instante, eu xa estaba de volta na nosa casa de Barro.