Máis de 150 persoas uníronse á cita, que logrou reunir máis de mil euros de fondos
04 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Grandes, pequenos, postizos, negro, marróns, con canas e ata de gancho. A cea solidaria organizada polo restaurante Vos Fornos converteuse nun auténtico duelo de bigotes, e todo cun obxectivo, recadar fondos para a Fundación Movember, que destinará o diñeiro para investigar enfermidades que afectan á poboación masculina, principalmente tumores de testículos e próstata e tamén en tratar a saúde mental. A celebración foi todo un éxito, e os máis de 150 comensais que acudiron ao local de Abanqueiro gozaron de xeito abondo cun bo ambiente, no que non faltou a música para alixeirar a cea.
Siño Romero, promotor da iniciativa, mostrouse encantado coa resposta da xente, e apuntou que en menos de dous días vendéronse todas as entradas. De feito, confesou que se marcaron como meta reunir mil euros entre a cea e unha hucha solidaria, «e ao final obxectivo máis que cumprido, porque foron 1.075,93».
Todas estas boas sensacións anímanlles a exporse unha segunda cea para o ano próximo, «aínda que haberá que preguntarlle ás mulleres se nos deixan», chancea o hostaleiro boirense, que xunto co resto de camareiros aguantou todo o mes de novembro lucindo bigote. Iso si, foi empezar decembro, «e xa o quitei, pero o volvería a facer por unha boa causa».