BNG e PSOE impulsan un plan para mellorar a seguridade viaria e crear máis aparcadoiros nAs Avesadas

a voz

BARBANZA

Plan de ordenación del tráfico en Avesadas presentado por BNG y PSOE
Plan de ordenación do tráfico en Avesadas presentado por BNG e PSOE cedida

Propoñen cambiar a sentido único o tramo que conecta con Rosalía de Castro e Alcalde Fernández Bermúdez

21 nov 2025 . Actualizado á 20:47 h.

Os grupos municipais de BNG e PSdeG presentaron ante o pleno unha iniciativa conxunta para que o  Concello de Ribeira execute as actuacións de mellora da seguridade viaria que quedaran iniciadas antes da moción de censura. Un dos proxectos afecta á rúa Estatuto, no barrio dAs Avesadas. Consiste en converter en sentido único o tramo que conecta con Rosalía de Castro e Alcalde Fernández Bermúdez, que faría posible gañar preto de vinte novas prazas de estacionamento gratuítas para vehículos e motos, á vez que ofrecería marxe suficiente para ampliar as beirarrúas.

A actuación deseñada inclúe tamén a mellora da rotonda situada entre os dous estacionamentos disuasorios e o reforzo da pintura e sinalización de todo a contorna, co obxectivo de incrementar a seguridade e facilitar unha mobilidade máis ordenada. Tamén se contempla o pintado do estacionamento disuasorio, co que gañarían outras 20 prazas para vehículos.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, asegura que «o proxecto para a rúa Estatuto é unha oportunidade clara para mellorar a seguridade e, ao mesmo tempo, ordenar mellor a mobilidade no barrio das Avesadas. Convertendo este tramo en sentido único conseguimos algo moi importante, gañar espazo para ampliar beirarrúas que hoxe son insuficientes e inseguros, e crear preto de vinte novas prazas de estacionamento gratuítas. É unha solución que beneficia ás persoas que camiñan, ás que conducen e ao propio barrio».

Pola súa banda o portavoz socialista, Francisco Súarez-Puerta, indicou que «esta proposta melloraría a seguridade da veciñanza e tamén da contorna do parque infantil e do colexio Galaxia», á vez que engadiu que «permitiría gañar espazo de estacionamento gratuíto, algo necesario logo da prohibición de Portos de restrinxir case un cento de prazas».