Galego nas tumbas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

En primeiro termo, a lápida dos irmáns Insua, «mártires pola liberdade», na que se empregou a recoñecible tipografía creada por Castelao. A súa é unha das 112 sepulturas contabilizadas no cemiterio de Rianxo nas que a inscrición funeraria está en galego.
En primeiro termo, a lápida dúas irmáns Insua, «mártirs pola liberdade», na que se empregou a recoñecible tipografía creada por Castelao. A súa é unha dás 112 sepulturas contabilizadas non cemiterio de Rianxo nas que a inscrición funeraria está en galego. CARMELA QUEIJEIRO

18 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

É difícil atopar en Galicia panteóns que estean en galego, o que parece unha redundancia, que nun país as inscricións non están na súa lingua. Hai algúns anos fixen unhas pescudas nos camposantos e por moito que gastei a vista, apenas encontrei illas en océanos casteláns.

Como nos asuntos importantes —e a morte é un asunto primordial no ideario galego—, escribimos en castelán. Non hai máis que revisar escrituras de fincas e outros documentos notariais, ou ben sentenzas e preitos en galego. Incluso levamos anos nos que en familias galegofalantes de toda a vida lle falamos en castelán aos pequenos «porque co galego non vas a ningures».

Dáme moita pena ese rexeitamento da nosa lingua, impulsada polas autoridades do pasado, tanto notarios como rexistradores, xuíces ou cregos impoñen ao pobo unha lingua na que non foron criados, e esa teima trasladámoslla aos nosos fillos e netos.

Pola contra, a Xunta, os concellos e as asociacións sen ánimo de lucro empregan o galego como lingua principal. O comercio e as empresas ven no castelán máis credibilidade e máis rigor, cando é unha estupidez. Pero o mercado é o mercado, e se os galegos nos sentimos máis seguros comprando en castelán, non van ir os comerciantes e empresarios a levarnos a contra.

Algo haberá que facer, e non só botarlle a culpa á Xunta. É unha cuestión de tribo. E, seguramente, de sinerxías. Quitémonola etiqueta de que se é en galego é porque son dun bando ou doutro. O galego é un idioma de todos, e todos temos que defendelo. Deamos o primeiro paso, a risco de sermos criticados.