Despedida a avó Moncho e ou seu Peugeot 205

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez OBITUARIO

BARBANZA

Ramón Fungueiro, fundador de Maderas Fungueiro, recibiu sepultura en Isorna

13 nov 2025 . Actualizado á 19:50 h.

O abuelo Moncho fóisenos, e o primeiro que pensei cando vin a mensaxe de Rocío é que puxo rumbo ao ceo a toda velocidade ao volante do seu Peugeot 205. Coa boina negra calada e ese medio sorriso que sempre tiña na boca. Hai uns anos xa que non vía a Moncho, pero estou segura de que estaba exactamente igual, con esa cara amable de boa persoa e avó entrañable, entregado, sobre todo, aos seus bisnetos, dos que desfrutou coma un cativo nos último anos. Estou segura de que conservaba esa gracia retranqueira que tiña e o seu bo humor, e o amor inmenso que mostraba pola súa familia.

Sempre é cedo para despedirse, dicía a súa filla. É certo, as despedidas doen aínda que sexa aos 97 anos. Pero foron 97 anos moi ben vividos. Moncho era un avó para as amigas da súa neta, pero para o resto do mundo era Moncho, o de Maderas Fungueiro, o negocio familiar que durante décadas funcionou á beira do río Ulla. No serradoiro traballou arreo para que aos seus nunca lles faltara de nada, e nada lles faltou. E xa xubilado, aínda que seguía pendente de canto acontecía no negocio, tiña tempo para percorrer Rianxo e Catoira no seu Peugeot 205, xa fora para ir aos enterros de amigos e coñecidos, para ir tomar café á de Sito en Asados ou para o vermú dos domingos, un costume que seguiu mantendo case ata o final acompañado da filla e o xenro.

Xa non conducía porque a idade non perdoa, nin sequera a persoas con tanta vitalidade coma Moncho, pero retrasou todo o que puido aparcar o seu fiel compañeiro de viaxe.

Non sei se chegou a saber que o seu querido 205 era para nós o zepelín, e que con el vivimos un feixe de aventuras, todas inofensivas, pero que aínda hoxe, anos despois, seguen facéndonos rir ata chorar. Seguro que lle encantaría escoitar as nosas historias e que tamén el ía rir a escachar. Só por iso, nunca esqueceremos ese coche nin a abuelo Moncho e a súa benevolencia prestándonos o 205.

Non debe estar mal que, despois de 97 anos, a xente recorde a un cun sorriso nos beizos. Será que algo fixo ben nesta vida. Agora comeza outra vida, sen Moncho, pero co seu recordo.