Barbanza Arousa, un destino que oferta natureza, acougo e calidade

BARBANZA

Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira son catro pobos mariñeiros habitados por xente hospitalaria que fai sentir o viaxeiro como na súa propia casa

26 jun 2025 . Actualizado á 09:26 h.

Situada no corazón da costa atlántica galega, a ría de Arousa, este destino catívanos pola súa autenticidade, a súa riqueza paisaxística e a súa profunda conexión coa historia e a cultura de Galicia. O territorio Barbanza Arousa ofrece unha combinación única de mar, montaña, patrimonio e tradición que converte cada visita nunha experiencia inesquecible. O seu fascinante patrimonio natural permítenos gozar de todo tipo de actividades ao aire libre en paraxes únicas e salvaxes, relaxarnos nalgunha das súas fabulosas praias ou practicar o sendeirismo nas súas rutas.

Un dos grandes atractivos de Barbanza Arousa é, sen dúbida, a súa gastronomía. Cunha costa xenerosa en produtos do mar, os mariscos e peixes frescos e en conserva son protagonistas indiscutibles. Mexillóns, berberechos, ameixas e navallas extráense das súas bateas e areais para converterse en manxares que se poden degustar en tabernas e restaurantes con receitas tradicionais ou toques contemporáneos.

Maridaxe perfecta

Que mellores caldos para maridar todos estes produtos do mar que os viños pertencentes á Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria, lixeiros, limpos, brillantes e con cor intensa e aromas florais e de froitas, que realzan cada bocado.

Paseos polo territorio permiten descubrir como se obteñen ou chegan a porto os produtos procedentes do mar. As lonxas son tamén paradas imprescindibles.

Barbanza Arousa non é allea ao fenómeno xacobeo, discorrendo por este destino dous das rutas de peregrinación: a Ruta Xacobea Mar de Arousa Río Ulla e o Camiño da Barbanza, A Orixe, que nos brindan a oportunidade de gozar dunha natureza aínda descoñecida para moitos da man desta soada tradición.

Barbanza Arousa apostou decididamente pola excelencia na súa oferta turística, posicionándose como un destino de calidade. Ata 69 empresas e servizos turísticos distinguíronse co selo de calidade SICTED, asegurando unha experiencia única para os visitantes e turistas.

En definitiva, Barbanza Arousa é moito máis que un destino: é unha invitación para vivir Galicia en estado puro. A saboreala, a percorrela, a sentila. Un lugar onde a tradición e a modernidade conviven en harmonía, e onde cada recuncho garda unha historia por descubrir.