
A líder nacionalista asegurou que María Lago foi quen de «endereitar o rumbo do Concello»
19 jun 2025 . Actualizado á 18:47 h.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou Muros este xoves para celebrar os dous anos de María Lago como alcaldesa do municipio. Durante o encontro, a líder nacionalista puxo en valor o proxecto de «políticas transformadoras» impulsado polo executivo muradán neste tempo e a aposta polos servizos públicos e a cohesión social.
Pontón fixo balance dos dous primeiros anos de mandato destacando que María Lago foi quen de «endereitar o rumbo do Concello». Neste sentido, sinalou que no BNG «estamos na política municipal para poñer ás persoas no centro, para crear dinamismo económico e social, para xestionar ben cada euro que pagan os veciños e veciñas e para facer concellos que sexan democráticos, igualitarios e transparentes».
Como exemplo de todo isto puxo o esforzo realizado polo goberno local para garantir o servizo de axuda no fogar e mellorar as condicións laborais do seu persoal, ao tempo que lembrou que os concellos están «dando soporte a un servizo que debería prestar a Xunta».
Por último, Ana Pontón asegurou que o goberno de Muros «representa un exemplo dos modelos ben xestionados e de calidade» do BNG e mostrou o seu orgullo por «ver como temos aquí a unha alcaldesa e a un equipo de goberno que está traballando por e para Muros sen descanso cada día e que foi capaz de endereitar o rumbo desde Concello».