O Concello adxudicará mañá a reforma de Bouza de Abaixo e prevé rematala antes de acabar o 2026

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Ravella salienta que será a maior obra en Vilaxoán en dez anos

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local do Concello de Vilagarcía de Arousa ten previsto aprobar na súa xunta de mañá luns a adxudicación da obra de reforma da rúa Bouza de Abaixo. Atendendo á proposta da mesa de contratación, a empresa redondelá Construcciones Castro Figueiro será a elixida entre as catorce aspirantes aos traballos, logo de rebaixar en case 100.000 euros o orzamento de partida, ata situar finalmente a partida correspondente en 651.000 euros, e de ampliar a catro os anos de garantía dos traballos.

Con todo, desde Ravella gábanse de estar diante do maior investimento en Vilaxoán en dez anos. Unha actuación que impactará en 2.200 metros cadrados e 300 liñais dun dos viais máis emblemáticos da localidade sur da capital arousá, cun extremo na estrada a Cambados e o outro no parque de Dona Concha, pasando por un elemento patrimonial único, o Pazo de Pardiñas.

Desde o executivo que encabeza Alberto Varela (PSdeG-PSOE) saliéntase que a partida destinada á reforma da rúa precisará dun dos maiores investimentos feitos no rueiro de todo o municipio, superando os doutras intervencións como a que acaba de completarse na céntrica Clara Campoamor, antiga Conde Vallellano.

Coa intención de solucionar os constantes problemas en Bouza de Abaixo, o proxecto que mañá se contratará con cargo ao diñeiro que lle corresponde ao Concello de Vilagarcía nos plans de investimentos da Deputación, faráse unha plataforma única de prioridade peonil. Baixo dela, separaránse previamente as redes de saneamento e de augas pluviais, ademais de cambiarse as liñas eléctricas de baixa tensión, mellorar a iluminación e as redes de telefonía, e renovar o mobiliario urbano. Xunto a todo o anterior, faránse melloras para acentuar a visibilidade dos elementos patrimoniais da rúa vilaxoanesa, como o cruceiro en Benigno Santos ou a contorna do Pazo de Pardiñas, coa colocación dun empedrado diferencial.

A sinatura da acta de replanteo está prevista para o vindeiro febreiro. Será a partir de entón cando comecen a contar os oito meses do prazo de execución. Deste xeito, os plans do goberno local de Alberto Varela pasan por poder estrear a reformada Bouza de Abaixo antes de despedir o ano que está a piques de arrincar.

Para o executivo municipal, a actuación en Vilaxoán «é unha demostración evidente de que os investimentos municipais non se limitan ao centro, como algunhas voces tratan de resaltar de xeito falaz, senón que se atende por igual, na medida das posibilidades financeiras, os tres cascos urbanos e os núcleos rurais».