Unhas obras para executar na depuradora poden causar cortes de auga esta noite en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A intervención desenvolverase entre as 22 e as 24 horas nas instalacións de Trabanca-Badiña, dentro do proceso que permitirá  dixitalizar todo o sistema na capital arousá

04 dic 2025 . Actualizado á 12:00 h.

Cortes de auga ou un descenso no caudal. Estas son as dúas circunstancias que uns traballos que se executarán na noite deste xoves na estación depuradora de Trabanca-Badiña poden provocar en Vilagarcía entre as 22 e as 24 horas. A actuación consistirá no recambio dos caudalímetros, un paso máis no proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (PERTE) que permitirá dixitalizar ao completo o ciclo da auga na capital arousá.

O PERTE mellorará tanto a xestión máis eficiente dun recurso básico como a propia subministración á poboación da cidade. Concibido como un instrumento de colaboración público-privada, neste caso está a ser desenvolvido por el Goberno do Estado e a empresa concesionaria do servizo, Espiña e Delfín, con financiamento dos fondos europeos Next Generation.

Tanto o Concello como a compaña solicitan a comprensión da cidadanía ante unhas molestias inevitables, que redundarán en importantes beneficios. De feito, a idea de levar a cabo as obras nas horas previas á medianoite obedecen, precisamente, á intención de diminuír no posible os problemas de subministración, posto que se trata dun momento no que o consumo se reduce considerablemente con respecto ás horas diúrnas.

O PERTE de Vilagarcía de Arousa conta cun presuposto de 3,9 millóns de euros, dos que 2,7 empregaranse na renovación dos vinte mil contadores da cidade, que pasasen a ser intelixentes. Isto quere dicir que rexistrarán e transmitirán automaticamente os datos sobre consumo de auga en tempo real. Na rede xeral instalaranse 49 colectores, e na estación depuradora, paneis solares, novos caudalímetros e un sistema de análise de desinfección das súas instalacións.