O Belén Artesanal de Valga cumpre trinta anos adiantando ao 30 de novembro a súa apertura

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Cedida

«Os cambios serán notables con respecto ao ano pasado», desvela a comisión veciñal que monta o singular nacemento desde 1995

17 oct 2025 . Actualizado á 18:46 h.

O Belén Artesanal en Movemento de Valga cumpre 30 anos. E para celebralo, este ano a monumental maqueta abrirá ao público antes do habitual: inaugurarase o último domingo de novembro «para dar máis marxe a que os visitantes poidan achegarse a Valga a descubrir as novas incorporacións ao nacemento». A comisión veciñal que se encarga de obrar este milagre de traballo comunitario desde o ano 1995 anuncia que este entrará na trintena con numerosos cambios e novidades: «Os cambios serán notables con respecto ao ano pasado, posto que se cambiará o emprazamento dalgunhas das principais estruturas e construcións que forman parte da montaxe».

Preparándoo todo, no local de Campaña onde se sitúa o belén xa están os integrantes da asociación. «Como é habitual, os membros de Amigos do Belén traballan divididos en grupos e seccións: dende a modelaxe e creación das figuras, ata a confección das roupas, construción de novas casas e construcións con madeira e pedra, montaxe eléctrica e ensamblaxe de motores e mecanismos para as escenas con movemento», informan desde o Concello de Valga.

Pero hai cousas que non cambiarán, porque son a esencia dunha composición que atrae cada ano a miles de persoas ata este recuncho do Baixo Ulla. Así, «coma sempre, exporanse novas figuras e escenas, algunhas con movemento e representando moitas delas a personaxe populares e de relevancia social e política ou acontecementos que marcaron a actualidade a nivel local, nacional e internacional durante os últimos meses». Ademais, e como sempre, haberá sorpresas escondidas entre as figuras-.

Ata o 11 de xaneiro

Explican desde o Concello de Valga que, tras a súa apertura o 30 de novembro, «o Belén Artesanal poderá visitarse ata o 11 de xaneiro, de luns a sábado en horario de tarde e os domingos tamén pola mañá». Fóra desas horas, «vos grupos poden concertar cita a través do teléfono 630 95 25 15». De feito, explican desde a organización, «xa son varios os colexios que teñen fixada data para achegarse a descubrir este mundo en miniatura que é o símbolo do Nadal en Valga e que está declarado de Interese Turístico de Galicia».

No Concello non ocultan o seu orgullo por este Belén Artesanal en Movemento, Do seu éxito, din, dan boa conta as cifras de visitantes, que «falan por si soas, con máis de 45.000 visitas nas últimas edicións, e obxectivo é o seguir medrando», explican. Trátase, sen dúbida, da iniciativa comunitaria máis exitosa de todas as que naceron en Valga.