Arousa contará con nove padexeiros no Mundial de Maratón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

Breogán do Grove

O Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga contará con catro, con outros tantos o Breogán do Grove e cunha o Náutico Pontecesures

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ponte Sampaio foi a pasada fin de semana escenario do Campionato de España de Maratón. Unha cita que serviu tamén para peneirar os padexeiros que representarán a España na segunda e última gran cita internacional da tempada na longa distancia, o Campionato do Mundo que se disputará a primeira semana de setembro en Gyor (Hungría). E entre os clasificados figuran oito deportistas de clubs do sur de Arousa.

O tudense do Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira Iván Alonso competirá no K1 de ambas as dúas distancias, a curta e a longa, nesta última tras colgarse o ouro nacional. O seu compañeiro de club Izan Aliaga, valenciano afincado en Tui, competirá no Mundial no K2 sénior, cunha prata en Ponte Sampaio, e no K1 Sub-23, como campión de España.

Fernando Busto e Diego Miguéns, tamén das Torres-Romaría Vikinga, acudirán ao Mundial tras finalizar segundos no C2 Sénior na proba da pasada fin de semana, tan só por detrás da parella combinada formada por Manuel Garrido, do Kayak Tudense, e Jaime Duro, do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Tono Campos e Diego Romero, do Breogán do Grove, finalizaron terceiros e quedaron fóra do Mundial no C2. Campos, campión de Europa do C1 este ano, só competirá así en Gyor na canoa individual, mentres que o seu compañeiro de barco perderáse a gran cita da tempada.

Tamén do club do Grove, o madrileño Noel Domínguez clasificouse coma segundo para o C1 curto e a meca Tania Álvarez Yates dobrará no K1 e no K2 Sénior, no primeiro cun ouro nacional e no segundo cunha prata xunto coa luguesa Tania Fernández. Nerea Novo, do Náutico Pontecesures, disputará o C1 Sub-23 do Mundial como campioa de España, e Jaser Antonio Silva, do Breogán, competirá no C1 e no C2 Xuvenil.