Calquera sabe que tampouco son do PSOE os alcaldes de Vilagarcía, da Illa ou do Grove
25 oct 2026 . Actualizado á 05:00 h.Que a Xunta non é do PP, e menos a Deputación de Pontevedra, como tampouco son do PSOE os alcaldes de Vilagarcía, da Illa ou de O Grove, sábeo calquera. Si, calquera; pero hai interesados en dicir o contrario, por agravio ou por fachenda. Teña en conta, lector, que estas frases pretenden chamar a atención sobre algo que coñece, como digo, insisto, todo o mundo. Agora mesmo chaman a atención as visitas en comitiva de responsables políticos a obras en marcha ou por empezar. Calquera obra, grande ou pequena. Un nunca sabe a que van, aparte de para saíren nas fotografías de prensa. Igual é que teñen moito tempo de vagar ou que se senten arquitectos ou enxeñeiros, cando non expertos en arte, e van revisar —ás veces os políticos parecen homes do Renacemento que dominan todos os saberes— a composición do formigón, se as estruturas dunha ponte resistirán o tráfico, se a apertura dun camiño de xabre aguantará as avenidas do inverno, ou se a exposición se introduce nun ou noutro modo expresivo. Si, igual van ver esas cousas.
As comitivas chaman moito a atención. Se, por poñer, vai a algunha obra o Presidente da Deputación de Pontevedra, o séquito integrarano concelleiros do PP, que, deseguido, acudirán ás redes sociais para contar, oufanos, que grazas ao PP desfrutaremos de tal obra, coa mesma fachenda coa que se expresa outro concelleiro do PSOE cando se mellora unha estación de tren e pretende demostrar o eficiente que é tal partido. Vistas así as cousas ata podería ocorrérselle a alguén que cando alcanzase o goberno un partido, os da oposición non pagasen impostos, e só tivesen que cumprir ante Facenda os que votasen a favor do gañador: é o seu goberno!; os que votasen a minoritarios que nunca tocan poder quedarían exentos. A verdade é que eu prohibiría radicalmente, e meteríaas no Código Penal, as inauguracións, —tamén sería un aforro importante— así como os carteis que permanecen durante lustros, nunca teñen prazo de retirada; non se quitan para que os cidadáns amosen eterno agradecemento. Empezaba isto escribindo que todo o mundo sabe que a Xunta non é do PP. Matizo: algúns descoñéceno, en especial os habituais membros das cohortes —tamén se pode dicir comparsas— de acompañamento nas inauguracións e, por suposto, os xerifaltes que aparecen na fileira de diante no centro da fotografía, cun aire imborrable de vaidade.
Dicir tamén, como digo, que un alcalde non é, por poñer, do PSOE senón do municipio é inxenuo. É elemental, de Primaria, razoar, se é que se pode chamar razoar, que a democracia ten como característica que os gobernos das corporacións derivan da elección popular e esta articúlase mediante partidos políticos —no noso sistema ninguén se pode presentar por libre, que esa é outra—; polo tanto, resulta que ata a toma de posesión dos cargos, os candidatos representan a un partido. Despois dese preciso instante transfórmanse en representantes dunha institución de todos os cidadáns. De todos. Isto é elemental, sábeo, efectivamente, calquera. Así que a Xunta non é do PP. Non se pode patrimonializar a Administración pública, e estase a facer cando se identifica un goberno cun partido; tamén se os cidadáns permitimos unha especie de recunque eterno; e, sobre todo, se os gobernos —Xunta, deputacións, concellos— obedecen aos vaivéns das directrices partidistas, —que son vento me levas, marea me traes— e non ás necesidades de seu de cada territorio. Veñen aí xornadas electorais que se prolongarán ata maio. Os partidos ferven, elaborarán programas de goberno propios. Perfecto. Pero que o día da toma de posesión, quen salga goberne para todos; non só para os seus a conta de todos. Que cousas máis básicas escribo!.