Superman e a criptonita

Jorge Olleros

O GROVE

XXX

As personas que reúnen o valor para intentar por en marcha todo tipo de iniciativas adoitan atoparse cunha barreira de obstáculos; a crítica feroz é un dos elementos que a forman

19 jul 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Hai persoas que queren facer ben o seu traballo. Persoas que chegan ao ámbito público con boas intencións. Outras que desexan emprender na empresa privada, desenvolver un labor artesanal, impulsar un proxecto deportivo, cultural ou asociativo ou, simplemente, achegar unha idea.Todo iso é, en principio, moi positivo. É o sal da vida e o que necesita calquera sociedade que aspire a avanzar. Porque unhas sociedades progresan máis ca outras, e unha parte desa diferenza depende da súa capacidade para valorar a iniciativa, favorecer a colaboración e apoiar a quen intenta crear algo novo.

Esta reflexión non responde a ningún episodio concreto. Nace, simplemente, da observación de como, en demasiadas ocasións, a ilusión de quen quere facer algo acaba converténdose nunha pesada carga. Afortunadamente, non todos os casos son iguais e tamén existen persoas, contornas e xestos capaces de impulsar de verdade aos demais. Pero aparecen as dificultades, a falta de apoio, as reticencias e as desconfianzas. Desde fóra e, moitas veces, tamén desde dentro.En lugar de preguntarnos como se pode axudar, buscamos o defecto do proxecto, o suposto interese oculto de quen o impulsa ou a razón pola que probablemente acabará fracasando. Adóitase dicir que cadaquén recolle o que sementa. Non sempre sucede así. Pero, polo menos, que non quede por non telo intentado.

Non se trata, por suposto, de rexeitar a crítica. A crítica razoada é necesaria e moitas veces mellora os proxectos. Tampouco quen impulsa unha iniciativa ten sempre razón nin merece un apoio automático polo simple feito de intentalo. As ideas deben contrastarse, corrixirse e mesmo descartarse cando non son acertadas. O problema comeza cando a crítica deixa de analizar as propostas e se dedica unicamente a desgastar a quen as formula. Mesmo algo tan sinxelo como publicar unha reflexión nunha rede social pode converterse nun pequeno martirio. Xorden de inmediato opinións de todo tipo e tamén comentarios que non pretenden debater nin achegar nada, senón descargar frustracións, prexuízos ou simplemente mal humor.

Todo isto lembra, salvando as distancias, o que lle sucedía a Superman cando se achegaba á criptonita. Na vida cotiá non hai superheroes, nin falta que fai, pero o exemplo sérvenos: todos temos fortalezas —entusiasmo, creatividade, xenerosidade, capacidade de traballo, vontade de servizo ou desexo de mellorar as cousas— que tamén poden verse debilitadas. As críticas destrutivas, a desconfianza permanente, a burocracia innecesaria, a envexa ou o desánimo funcionan como pequenos anacos de criptonita. Pouco a pouco restan enerxía, xeran dúbidas e acaban debilitando capacidades que, noutras circunstancias, poderían achegar moito ao conxunto da sociedade.

Por iso cómpre facer un esforzo colectivo para desprenderse desa criptonita. Quen impulsa unha iniciativa debe aprender a escoitar, corrixir e non deixarse paralizar polo ruído. E quen observa desde fóra debería preguntarse se a súa achega axuda a construír ou se simplemente engade unha dificultade máis ao camiño. Non sempre será posible eliminar os obstáculos nin convencer a quen decidiu desconfiar de todo. Pero si se pode evitar que desaparezan as ganas de crear, de propoñer, de traballar ben ou de impulsar algo novo.

Cómpre valor para intentalo. E tamén unha sociedade que procure non debilitar a quen aínda conserva a ilusión de mellorala.