A Xunta acomete a primeira gran reforma da igrexa de San Vicente

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Leticia Castro

A obra acabará coas filtracións de auga e os problemas estruturais

23 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A igrexa de San Vicente do Grove dirá adeus ás filtracións de auga e aos problemas estruturais do seu envolvente o próximo ano, unha vez que leve a cabo a importante reforma que asumirá a Xunta de Galicia, tal e como anunciou onte o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Será a primeira grande intervención que leve a cabo neste elemento eclesiástico e patrimonial da parroquia, posto que o goberno autonómico unicamente realizara nas inmoble obras de carácter menor.

A Consellería de Cultura licitou esta mesma semana os traballos, por un valor total de 240.000 euros, que permitirán actuar na parte exterior, onde algunhas pedras comezan a soltarse, no campanario ou a cuberta, co obxectivo de pór fin tamén ás filtracións de auga que afectan o interior do templo. López Campos desprazouse onte ata O Grove para anunciar a obra ante os veciños e observar con detalle as deficiencias. «Hai uns meses houbo un pequeno problema no campanario e desprazáronse todas as sillerías e pedras que provocan un problema serio de humidade e de entrada de auga importante», comentou. Ademais, «hai tamén problemas na envolvente», sinalou xustificando a urxencia dos traballos. O párroco, Ventura Martínez, levaba xa tempo demandando este investimento e insistindo na súa importancia, para poder manter en perfecto estado este elemento patrimonial que data do século XVIII.

A Xunta publicou esta mesma semana a licitación da obra para consolidar, fundamentalmente a parte exterior do templo. A intención do goberno autonómico é adxudicar o proxecto antes de que remate este ano coa idea de poder executalo no primeiro semestre do 2026, e que poida estar rematada, se nada o impide, antes do próximo verán. Xunto ao párroco Ventura, o titular de Cultura examinou con detalle o templo e os arredores, e insistiu na importancia de acondicionar «esta parte fundamental do patrimonio, xa non só eclesiástico senón do Grove», subliñou. Campos non dubidou en encomiar o labor levado cabo polo cura, a quen considera un gran defensor das cuestións patrimoniais, «dende a Xunta facemos é unha planificación nas obras que teñen especial valor, e a través duns convenios co arcebispado asegurámonos de que este patrimonio estea nas mellores condicións», dixo. O conselleiro sinalou que esta será «a primeira obra estrutural que se fai na igrexa». Ventura, pola súa banda, aplaudiu o compromiso, mentres os fieis charlaban animadamente co conselleiro, e comentaba que «estamos moi agradecidos toda a parroquia, porque grazas a esta inversión imos ter a igrexa ben coidada, e para moitos anos», dicían sinalando que ao edificio metéraselle man nalgúns puntos, «pero ao campanario, por exemplo, nunca se lle tocou». «Unha parroquia tan pequena como a nosa non podería asumir un custe coma este», concluíron os veciños.