O goberno socialista do Grove perde a Santiago Meis, que abandona a política
O GROVE

O concelleiro responsable de Seguridade e Festexos alega motivos laborais e familiares para presentar a súa renuncia
02 jul 2025 . Actualizado á 21:35 h.O goberno socialista do Grove, comandado polo alcalde, José Cacabelos, conta desde hoxe cun concelleiro menos. O edil de Seguridade e Festejos, Santiago Meis, renuncia ás súas responsabilidades políticas, segundo alega, por razóns familiares e laborais que lle impiden seguir desenvolvendo as súas tarefas no executivo municipal. Así o explicaban onte desde o equipo de Cacabelos, tras emitir un comunicado a media tarde que difundían a través das redes sociais do Concello.
Meis dá un paso ao carón tras unha década dedicada á vida pública, ocúpandose de áreas cunha gran carga de traballo. Durante oito anos foi responsable da concellaría de Deportes, que actualmente lidera Kito Parada. Neste mandato, que acaba de pasar o seu ecuador, responsabilizárase de Emerxencias, Seguridade Cidadá e Policía Local, ademais de asumir as tarefas de Festexos. Todas elas áreas con notable peso, e non precisamente exentas de polémica. No seu tempo a cargo de Deportes con notables críticas por parte dos clubs e do resto de partidos políticos, e nos últimos anos con discrepancias importantes no seo de Emerxencias, o que provocou que Esquerda Unida chegase a pedir a súa dimisión escudándose na precariedade do servizo.
A pesar de todo, o balance do seu paso pola política é positivo: «Para min foi un orgullo ser concelleiro da miña vila durante estes anos», explica o edil, subliñando tamén o traballo desempeñado con equipos técnicos e voluntariado. Meis agradece a confianza depositada polo rexedor e polos seus compañeiros ao longo de todo este periplo e sinala que o motivo da renuncia radica na falta de tempo: «Levo semanas sen poder adicarme a isto como debera, e para estar a medias, prefiro dar un paso a un lado», relata. «A política municipal require moitas horas, e agora mesmo, co meu novo proxecto profesional e coa familia, non podo asumir este compromiso». Fai referencia o concelleiro ao novo negocio de hostalería que rexenta no municipio, e que absorbe agora a maior parte do seu tempo.
O rexedor, José Cacabelos, agradecía onte publicamente os seus anos de servizo e dedicación ao Grove. «Foi unha peza clave e un exemplo de compromiso», apuntaba. Cacabelos destacou que deixa unha pegada moi positiva, «e unha maneira de facer política próxima e útil». O alcalde non quixo tampouco deixar de aludir ao vínculo persoal que os uniu nestes anos de gobernanza: «Non coñecía a Santi antes da política, e grazas a ela gañei un amigo. Iso é algo que valoro profundamente a nivel humano», destacaba, á vez que recoñecía o traballo realizado durante estes dez anos.
A dimisión non será formalizada ata que se celebre o próximo pleno da corporación. Polo momento descoñécese quen se fará cargo das súas responsabilidades nun momento tan crucial, dada a evidente falta de efectivos na Policía Local recentemente empezado o verán, e coas festas patronais ao virar a esquina. Cacabelos explicaba a última hora da tarde que estaban a traballar niso, pero non revelaba ningún candidato para substituír.