Doutros dous espolios máis

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

O GROVE

MARTINA MISER

A orixe histórica dos montes de mancomún é moi anterior á existencia dos municipios

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os montes de mancomún sempre foron botín apetecible e máis en lugares turísticos. O caso de San Vicente do Grove é exemplo esaxerado. O domingo pasado citei aquí a urbanización de Pedras Negras, que xa non ten solución. Pero hai outros nos que aínda pode chegarse a unha restauración xurídica. Por exemplo os terreos da Batería militar ou os que ocupan a Pousada da Lanzada, unha instalación hostaleira ao leste e o chamado Centro de vacacións. Son supostos de necesaria recuperación. Hoxe, póndoo como exemplo do que ocorreu noutros lugares, vou referirme, coa brevidade que permite esta columna, aos terreos da Lanzada, denominados Pedregueira e ao regato das Barroqueiras. A orixe histórica dos montes de mancomún é moi anterior á existencia dos municipios e pódese rastrexar na denominada propiedade de carácter xermánico —mancomún— fronte á propiedade romana —individual— e con antecedentes máis achegados nos foros do mosteiro da Armenteira, o Arcebispo, o Duque de Patiño, o Marqués de Figueroa, ou a Orde de San Bernardo, no caso dos Groves. O topónimo Lanzada que traspasa os límites municipais, sendo común a Sanxenxo e ao Grove, reflicte maior antigüidade que os municipios. Co réxime anterior ao actual as Leis Hipotecaria e de Réxime Local e a creación do Patrimonio Forestal do Estado propiciaron a incomprensión da propiedade colectiva e permitiron que os municipios botaran man delas cando lles interesaban. Imos cun pouco de historia documentada da Pedregueira, este lugar da Lanzada. Aparece no Catastro do Marqués da Ensenada de 1752. Case un século máis tarde o Concello, formado en 1836, no Expediente de Baldíos y correspondencia del Ayuntamiento Constitucional de los Grobes informa que na parroquia de San Vicente non existían bens propios do Municipio, non sendo uns terreos cedidos do común para fábricas de salga en Canelas, Barrosa e Espiño o 31 de maio de 1836, hoxe tamén apropiados. En 1922 (BOP de 6 de outubro) dise que o litoral desde a praia do Espiño ata o regato das Barroqueiras na Lanzada, é común dos veciños; e o mesmo se reitera en posteriores investigacións oficiais. En xullo de 1926 constitúese no Gran Hotel da Toxa a Xunta do Padroado do Sanatorio Marítimo da Lanzada, con protagonismo dos Gil Casares, Sáez Díez ou Bescansa, que propuxeron crear un hospital para enfermos de tuberculose. Ao ano seguinte o Concello do Grove, despois de escoitar a veciños de San Vicente, Balea e Reboredo, que se consideraban prexudicados, acordou ceder corenta hectáreas —posteriormente reducidas a doce— así como o regato das Barroqueiras, tendo en conta «altas consideracións sociais» (sic) e concretando esa cesión mediante un usufruto intransferible ao Padroado mentres funcionase o Sanatorio «sen que o terreo puidese ser explotado para outros fins». Ademais, parece un algo de burla, autorizábase a que o Padroado pechase con arame a cesión para evitar os danos que puidese ocasionarlle o gando dos veciños. En 1933, o Padroado incumpriu o acordo e transmitiulle edificacións, terreo e regato á Deputación. En 1952 esa Corporación provincial pediu a ampliación en cinco mil metros cadrados para cultivaren alimentos para os internos. Un dicir. O Concello do Grove negouse alegando que ese terreo —ocupado de facto— tiña interese turístico e estábase a construír a carón del un aeroporto. E denunciou que a Deputación outorgara sen o seu permiso unha concesión para un establecemento hostaleiro enriba da praia da Lanzada. En 1963 o Concello, máis amansado, vendeulle Pedregueiras á Deputación por oitocentas mil pesetas pagadoiras a razón de cen mil cada ano, sen que eu atopase eses ingresos. Entrementres o hotel do Leste ampliouse, a Deputación transformou o hospital, sucesivamente, nun colexio para xordomudos, centro de vacacións e, hoxe, Pousada. Con toda evidencia Concello e Deputación foron os causantes desta usurpación dun ben colectivo. Agora os veciños terán que enfrontarse á súa recuperación. Poderán, ou non. Seguro que sen axuda, claro.