Cantodorxo celebrará na Praza do Corgo a súa XIII Festa das Letras

L. Castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

14 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Cultural Cantodorxo celebrará este sábado 17 de maio a súa Festa das Letras na Praza do Corgo. Unha cita que acada a súa décimo terceira edición e que vén encher de

dobre ledicia o colectivo, xa que as Letras Galegas están dedicadas ás cantareiras, o que fai que a actividade cobre maior sentido se cabe para esta entidade que conta con grupo de gaitas, pandereteiras e baile tradicional. Un encontro que dende a organización elevan a importante para honrar a lingua e a cultura, e no que non faltará detalle.

A festa comezará a partir das seis da tarde con actuacións de baile e de música de todos os grupos que compoñen o colectivo. Instalaránse tamén na zona xogos populares, cedidos desinteresadamente pola Asociación A Madama, inchables para goce dos máis cativos da casa, e daráselles tamén unha pequena merenda aos participantes.

A data está marcada no calendario, como a primeira das actividades que ao longo do ano organiza Cantodorxo dende hai máis dunha década. Tras ela virán os festivais de baile moderno en xuño e decembro, que superan xa as noventa edicións, e o festival folclórico —moito máis recente— no mes de novembro. Dende a asociación convidan á veciñanza a gozar deste día tan especial en Galicia, poñendo o seu gran de area para conmemoralo.