A Deputación e o Concello do Grove acordan humanizar o barrio do Sineiro

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Deputación de Pontevedra

O ente provincial asumirá o custe total da obra, cifrado en 717.500 euros

14 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de O Grove, José Cacabelos, asinaron onte o convenio de colaboración polo cal a entidade provincial asumirá o cento por cento do financiamento para acometer na localidade a segunda fase da humanización do barrio do Sineiro, unha obra cun custe total de 717.500 euros. O acordo foi firmado no Pazo Provincial, no marco do novidoso Plan Extra, a través do cal a Deputación está a mobilizar 38 millóns de euros entre os concellos de menos de

50.000 habitantes da provincia «para executar proxectos estratéxicos», sinalan desde a Administración provincial.

Máis de 538.000 euros do total desta reforma proceden destes fondos, e os 180.000 euros restantes, que corresponden a parte que debe aportar o Concello, serán financiados tirando do Plan Máis Provincia.

O presidente, Luis López, resaltou durante a firma do documento a importancia de combinar os recursos para sufragar o total desta actuación, que segundo di, transformará a vila.

O proxecto, que xa fora anunciado hai unhas semanas trala visita á zona dos deputados Javier Tourís e Marcos Guisasola, dará continuidade á humanización do barrio residencial do Sineiro, remodelando por completo as rúas Valencia, Extremadura e Rioxa. A reforma contempla, entre outras cousas, a reordenación dos espazos «dunha maneira máis amable» co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguridade vial, dando prioridade aos peóns. Nesta intervención está proxectado facer as beirarrúas máis anchas e viais de sentido único para o tráfico rodado, así como unha redistribución das prazas de aparcadoiro en toda a área, creando zonas de maior calidade para as persoas, tratándose dun barrio con escasa densidade de tráfico. A actuación servirá ademais para renovar todos os servizos urbanos necesarios, así como para mellorar a iluminación e instalar tamén novos elementos, tanto de mobiliario como de xardinería, ao igual que se ten feito noutras rúas do casco urbano que xa foron humanizadas con anterioridade.

Máis investimentos

Dende o organismo provincial subliñaban onte que a súa colaboración co Concello do Grove non se limita ao Plan Extra, xa que segundo explican, a vila recibirá este ano de mans da Deputación de Pontevedra un total de 1,59 millóns de euros, inxectados desde programas do servizo de cooperación como son o Máis Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Grazas a eles, estánse levando adiante importantes proxectos, como a remodelación do pavillón deportivo do colexio Conmeniño, que se atopaba nun deplorable estado.