EU O Grove acusa a Cacabelos de eludir a aprobación do PXOM

R.E. O Grove / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

A formación esquerdista insta o alcalde a achegar documentacióin "veraz e definitiva" e a informar á oposición

12 ene 2019 . Actualizado ás 13:54 h.

Ao grupo municipal de EU no Grove non lle gusta nada o proceso "chapuceiro e exento de garantías" no que se está envolvida a redacción do PXOM. Este documento está "sometido a constantes cambios, e seguen a anunciarse outros novos, a pesar da pseudo exposición pública á que está a ser sometido". EU denuncia o escurantismo do goberno socialista neste asunto, que mantén á oposición á marxe "e nin sequera lle facilita os informes que se lle ten requerido".

Desde que a planimetría do plan fíxose pública, o goberno local "xa se ten visto na obriga de recoñecer erros. Fálase de modificación dos planos para arranxar eses problemas, pero iso repítese cada vez que Cacabelos fala do PXOM. E a realidade é que logo de dous meses aínda non se modificou nada, ou cando menos ninguén viu eses cambios", indica José Antonio Otero. Para o seu grupo, resulta preocupante que "o tempo pase e que o alcalde siga deixando á oposición á marxe e sen manter a xuntanza comprometida". Para EU, o proceder do executivo que encabeza Cacabelos supón "unha evidencia inequívoca da falta de vontade do PSOE de afrontar a aprobación definitiva do PXOM". "En EU a única conclusión que podemos sacar é que o señor Cacabelos non quere aprobar o plan xeral. E como no lado da oposición non ten a quen botarlle a culpa, está alongando o proceso. E se nos equivocamos, que o demostre", di José Antonio Otero.