O Concello de Cambados denuncia o roubo dunha escultura de cen quilos no miradoiro de Refoxos
CAMBADOS
Trátase do cuarto episodio de vandalismo que afecta o patrimonio municipalen o que vai de ano
04 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Esta pasada fin de semana, operarios do Concello de Cambados, acompañados do alcalde do municipio, Samuel Lago, desprazáronse ao miradoiro de Refoxos a inspeccionar o seu estado e valorar realizar tarefas de roza. Ante a súa sorpresa, acharon que alguén arrincara e subtraera unha escultura doada pola escola de cantería de Poio que servía para decorar o lugar. Inspeccionaron os arredores, pero non atoparon rastro da figurilla, duns cen quilos de peso.
Desgraciadamente, este feito non se pode cualificar de novidade. Trátase do cuarto caso de vandalismo que afecta as contornas naturais e miradoiros do municipio no último ano, segundo denuncia o Concello. O primeiro dos episodios foi detectado a comezos do 2025, en similares circunstancias. Lago tamén se atopaba nesa ocasión revisando o estado do miradoiro da Seca, en Tragove, onde se sitúa outra das esculturas doadas. O home representado nesta obra fora decapitado, aínda que neste caso a cabeza apareceu preto do lugar.
Só un par de meses despois, un veciño denunciou a desaparición dunha randeeira no miradoiro da Barca, un dos últimos arrombados pola corporativa municipal. Nesta ocasión, os vándalos lograron cortar os parafusos que asían a mecedora á estrutura e levárona. Lago considera que todo isto non podería facerse sen maquinaria específica e un vehículo. Hai un mes, outro veciña envío ao consistorio un vídeo gravado nos arredores da desembocadura do Umia, onde se pode observar depositada no leito dun afluente unha varanda do paseo que foi arrincada e arrichada polos vándalos ao río.
Desde o goberno local deducen que os perpetradores destes actos deben ser as mesmas persoas, dado que todos os episodios parecen enfocados a atacar o patrimonio municipal. O Concello lembra que «o que é público, é de todos» e pide á cidadanía que contacten co consistorio en caso de ter noticias da escultura extraviada.