L-Gante e Ultraligera porán a música a Son do Mar en Cambados

m. alfonso / L. Castro CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

O PP promete devolver o festival ao Grove se acada o goberno local meco no 2027

06 abr 2025 . Actualizado á 20:09 h.

Cambados foi finalmente o municipio elixido polos organizadores para celebrar unha nova edición do festival Son do Mar, que ata o ano pasado tiña lugar no municipio meco. A cita será entre o 24 e o 26 de xullo e xa se coñecen os cabezas de cartel de dous das tres xornadas de concertos. Serán o arxentino L-Gante e a banda indie Ultraligera os que porán a música os días 26 e 24, respectivamente. As entradas están xa á venda e poden adquirirse por días, ou en formato abono.

Ultraligera será unha das tres bandas que pasarán polo escenario cambadés o próximo 24 de xullo, cando o festival abrirá as súas portas. Trátase dunha banda de Madrid, que está a rebentar o mercado e é a gran nova sensación do puro rock indie español. Nos seus temas mestura xéneros como o rock alternativo e o Indie con toques de postpunk e pop. A formación gañou notoriedade despois do lanzamento do seu primeiro traballo, Europa. O ano pasado ficharon por Warner Music e levaron a cabo a presentación do seu primeiro disco de estudo, Pelo de Foca, que lles permitiu irromper no panorama musical nacional dunha forma rápida e brutal.

A formación non estará soa en Cambados o próximo 24 de xullo. Onda ela intervirán outras dúas de moito calado nacional e internacional, segundo anuncia a organización, cuxos nomes se darán a coñecer nas próximas semanas. As entradas para este día están xa á venda na web do festival, ao prezo de 35 euros máis gastos de xestión.

O outro prato forte desta cita será o arxentino L-Gante, que actuará na localidade o día 26. É unha das estrelas internacionais do momento, que triunfa entre os máis mozos coa súa música pop e urbana. Os seus temas son unha mestura de Trap, cumbia villera e reguetón, un xénero tan peculiar como atraente. Conta con millóns de seguidores nas redes sociais e colaborou con artistas da talla de Bizarrap, Wanda Nara ou Mar Lucas. A de Cambados será a súa única actuación en Galicia e estará acompañado doutras estrelas, cuxo nome se desvelará en breve. Tamén neste caso pódense comprar xa as entradas na web, ao prezo de 28 euros máis gastos de xestión.

O PP promete devolver a cita ao Grove se acada o goberno municipal no 2027

O PP do Grove propúxose recuperar o festival Son do Mar para a localidade no 2027, se acada o goberno local, consciente do impacto socioeconómico que o evento tería para o municipio, e da repercusión que terá en Cambados, onde os promotores o trasladaron este ano tras a falta de acordos co Concello grovense.

O portavoz dos populares, Pablo Leiva, insistiu en que o evento era viable «legal e loxisticamente» e lembrou que ademais contaba co apoio da maioría de partidos políticos, empresarios e negocios da localidade. «Contaba coa autorización de Portos de Galicia e cun informe favorable da Policía Local, e ademais de momento non se emitiu unha resolución administrativa motivada sobre os incumprimentos», indica. «Pero o alcalde limítase a resolver de palabra e en roldas de prensa os expedientes administrativos co nefasto estilo Aló Presidente», asegura o PP, entendendo que os promotores desistisen de levalo a cabo a pesar de que era un festival pensado por e para o Grove. Leiva subliñou de novo as «inxustificadas escusas de Cacabelos» sobre a súa celebración e denuncia que dinamite proxectos que ao seu xuízo son bos para a localidade.