O frouxo inicio de campaña na maioría de lonxas galegas deixa dúbidas sobre como evolucionarán os prezos
12 nov 2025 . Actualizado á 21:04 h.As primeiras centolas chegaron ás prazas da comarca do Salnés este martes, quizais non en grandes cantidades, pero si ben crecidas e de boa calidade. O primeiro día do favorito dos crustáceos foi, en xeral, positivo, pero as capturas máis ben escasas que se viviron na maioría dos portos galegos fixéronse sentir tanto os prezos, como na cautela que gardan os placeiros.
En Vilagarcía, os machos vendéronse entre os 20 e os 22 euros, mentres que as femias superaron a barreira dos 25, colocándose, na maioría de postos, en 28 euros. Un panorama similar ao visto na praza de abastos de Cambados, onde o arco de prezos estivo entre os 20 e os 25 euros o quilo.
En terra ninguén é alleo ás circunstancias do mar. Salvo no Grove —onde chegaron 4.239 quilos, superando sobradamente as cifras do 2024—, a maioría de portos galegos viron os seus barcos descargar pouca centola. A timidez vivida o luns pola tarde na lonxa de Cambados foi máis representativa da realidade que o oasis meco.
As previsións meteorolóxicas de onte e hoxe impedirán comprobar ata finais de semana se se pode reverter a situación, pero as perspectivas non son halagüeñas. O devir das capturas afectará o prezo do marisco durante os próximos días e os placeiros sábeno. Un comerciante vilagarcián que adquire o seu produto na lonxa cambadesa —un dos poucos que non optou pola centola do Grove—, confirma as sensacións que varios dos seus coñecidos, mariñeiros, transmitíronlle o luns ao regresar a porto. Non ten boa pinta.
Antesala do Nadal
A tempada da centola, prato forte das ceas de Nadal en moitas casas, adoita coincidir precisamente coas datas na que os consumidores comezan a pensar no menú das noites máis especiais do ano. Os máis previsores xa foron preguntando aos placeiros durante as últimas semanas. E estes, recomendan: mellor canto antes, porque os prezos seguramente non fagan máis que subir. A ameixa, por exemplo, xa está cara e pode situarse en cifras prohibitivas en decembro. Por iso moitos compradores xa viñeron facendo provisión e deixándose aconsellar sobre o mellor xeito de conxelar estes bivalvos: «Como veñen da praza, sen cociñar».
En cambio, os crustáceos grandes, como a centola ou o boi —que este ano se está vendendo particularmente ben— si convén cociñalos antes de metelos no conxelador, ben abrigados cun pano humedecido en auga de cocción, de maneira que conserven o mollo, que é o que máis sabor dá, ata que sexa o momento de servir a cea.