Pecha Casa Pintos, alma de San Tomé que conquistou o mundo coas ostras

Xacobe Lamas CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Unha lesión de Teri, a dona, obriga a despedida dun negocio de case 70 anos

19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O barrio de San Tomé cambadés está un pouco máis apagado dende o peche hai un par de semanas dun dos seus establecementos máis emblemáticos, Casa Pintos. Teri, a dona do negocio, anunciaba en setembro a súa intención de despedirse, afectada por unha lesión na man que lle dificulta dende hai máis dun ano o desempeño do seu traballo. O 7 de outubro puxo fin a unha historia de case 70 anos.

Porque Casa Pintos abriu nun afastado ano 1956 no mesmo enderezo da rúa Montiño de Abaixo, no baixo da vivenda familiar. Foron os seus pais, Emilio Pintos, tamén adegueiro, e Encarnación Daporta os que inauguraron un ultramarinos, que rapidamente converterían nunha taberna primeiro e en sitio de xantar despois. Teri lembra como foi ese tránsito: «Os primeiros en pedirnos comidas eran os mecánicos de barcos, que nos sesenta había moitos que viñan traballar por aquí. A miúdo deixabámoslles a lareira para que asasen os peixes que eles mesmos traían». Ante a demanda, foron introducindo na carta a tortilla da súa nai, pementos, empanada… E non tardaron en chegar as ostras, que os farían tan famosos.

A clave das mesmas non era nin un adobo, nin tantos minutos de cocción, nin ningún paso oculto durante a receita, porque as ostras de Casa Pintos comíanse crúas —«aínda que había quen as pedía a prancha»— A clave era a frescura: «O tío Moncho tiña un pilón aquí ao lado. Cando alguén as quería, meu pai dicíame “Hai que ir por ostras” e en menos de cinco minutos estaba de volta con elas». Teri fala dun inmoble situado ao pé da praia de San Tomé propiedade da súa familia e no que gardaban o produto, listo para pasar do frigorífico ao prato do cliente en tempo récord. Logo viñeron receitas máis sofisticadas, como a tortilla francesa con ostras, pero con esta simple fórmula conquistaron o mundo. Navallas, zamburiñas e choquitos —«ben escorridos»— foron outras das especialidades nunha cociña na que abundou o marisco das nosas rías.

Teri pasou toda a vida traballando no local, case dende os seus comezos. Toda a familia o fixo, pero ninguén lle colleu tanto gusto como ela. Por iso, chegado o momento, a comezos dos oitenta, colleu o mando, malia que os seus pais seguiron traballando en Casa Pintos ata os seus pasamentos. Emilio, hai xa máis de 15 anos; Encarnación, no 2019. Teri lémbraos e non pode evitar falar dos pulsos que tivo que botar co seu pai cando se fixo cargo da xerencia do negocio. Pero mesmo falando dos momentos máis amargos, as súas verbas destilan cariño e admiración. Nunca estivo tanto tempo pechado Casa Pintos nos seus 69 anos de historia coma os vinte días seguintes ao falecemento de Emilio.

Signo de que era dos bos, é que a sona chegoulles a través do boca a boca. Hai un graniño de area de cada veciño do barrio no éxito de Casa Pintos, porque alí enviaban a cada forasteiro que chegase a Cambados con fame e pedindo referencias: «Aquí tes que vir a propósito, non chegas se non sabes onde está. Teñen chegado clientes que uns minutos antes protestaban: “Arrea, a dónde me llevas?”». O Parlamento —as veciñas que cada mañá sacan as súas cadeiras a rúa e resolven os problemas do barrio— terán que buscar agora un novo destino ao que enviar aos despistados.

Padais de tódalas clases

Entre as catro paredes do comedor sentaron ao longo das décadas recoñecidos empresarios e políticos e pecháronse unha chea de negocios, algúns máis elegantes que outros. E mesmo algunha estrela de Hollywood: «Gwyneth Paltrow! Era o 2007 e chamaron os de Turismo de Galicia para reservar un menú degustación para 25 persoas». Unha visita que pillou por sorpresa a Teri, que veu como lle enchían o local de cámaras e micrófonos. A actriz namorou tanto das zamburiñas como do albariño montiño da casa e a súa palabra foi o mellor reclamo para atraer novos clientes: «Logo falou de nós en El Hormiguero e veu xente ata de Portugal».

Pero a Teri non lle gusta falar moito dos seus comensais ilustres, porque para ela todos foron importantes. Ten claro que por moitos coches de luxo que aparcasen nas súas proximidades, o que mantivo en pé Casa Pintos todas estas décadas foi a xente de a pé, veciños de San Tomé e visitantes habituais: «Esta era unha casa aberta e sinxela, para tódolos veciños e cunha excelente clientela» e fáiselle tenue á voz lembrando xornadas e noites servindo e dando de comer a tantas e tantas xeracións. Definitivamente non se xubila por gusto. Mantén o nervio e vitalidade que un traballo así esixe. Se non fose pola man, teríamos Casa Pintos para largo.

A partir de agora será solo a familia Pintos a que sente no comedor que tantas vidas albergou e a que goce das comidas de Teri. Sobre todo os seus netos, para os que non ten máis que eloxios: «Cambiáronme a vida». A cociña seguirá tendo uso: «A do piso de arriba, a da casa, está sen estrear. Teño que traballar na de detrás da barra. É a miña vida». E seguirá séndoo.

A antiga dona dedicará tamén toda a enerxía que aínda destila a viaxar: «Encántanme as viaxes dun día, sobre todo se é con xente coñecida. Nos últimos anos xa visitei O Algarve, Santander, Lalín...». Merece ese tempo para si, tras toda unha vida alimentando unhas rúas nas que o forte recendo ao mar que as rodea xa non terá que competir co das súas comidas.