A tecnoloxía que nos curará exposta na illa da Toxa: do reaxuste de fármacos á saúde mental
AROUSA

O Fórum RIES, celebrado na Toxa, serviu para mostrar os últimos avances
18 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Fórum RIES clausurou este xoves a súa décima edición na illa da Toxa erixíndose como punto de referencia en materia de saúde, innovación e colaboración entre o ámbito público e o privado. As xornadas, levadas a cabo no Eurostars Isla dA Toja, mostraron todo tipo de proxectos pioneiros da man das novas tecnoloxías, e serviron para debater entre outras cuestións sobre intelixencia artificial e computación cuántica como ferramentas para o «medicamento do mañá». Un intercambio de experiencias entre profesionais sanitarios, empresas, administracións e universidades que demostra o bo momento que atravesa Galicia nesta materia, con gran proxección internacional.
Entre os proxectos que presumen dese espírito colaborativo estaban o RePo-SUDOE cunha plataforma que permite realizar experimentos de docking molecular. Unha proposta que traballa sobre o reposicionamiento de fármacos, estudando interaccións entre estruturas moleculares, comprobando a posibilidade de enganchar os fármacos a proteínas doutras enfermidades, estudando as súas interaccións de xeito computacional. Moi preto deles, Insati, unha empresa tecnolóxica intensiva en I+D, mostraba os seus desenvolvementos tanto no ámbito da saúde humana, como no ecosistema.
Especializados
Especializados en enfermidades dexenerativas e saúde mental, desenvolven solucións para xestionar estas desordes. Mediante aplicacións informáticas traballan maiormente na prevención. Usan a realidade virtual na estimulación físico cognitiva en xente con demencia ou alzheimer: a idea, ter unha monitoraxe da evolución e retardar o avance da enfermidade, aínda que o seu traballo tamén vai dirixido á detección temperá. Nestes momentos realizan un ensaio clínico en varias residencias de DomusVi, que xa están a replicar en Singapura coa unidade de xerontoloxía, da man da Universidade de Ciencias Sociais do país asiático. A idea é convertelo a futuro nun produto médico. Entre os múltiples proxectos que desenvolven, está tamén a detección de depredadores en bateas mediante intelixencia artificial. Unha pequena mostra que dá conta do excelente momento no que está o sector sanitario autonómico, e os avances levados a cabo.