Un espeto de anguía é o gañador do concurso de receitas de Valga

María Santamaría / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Na Ruta-Concurso Tapa á Anguía participan ata oito establecementos e xa se poden degustar as distintas propostas

24 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Onte tivo lugar o concurso Anguía Chef, convocado dentro do Agosto Gastronómico de Valga. O cociñeiro Álex Iglesias valorou todas as receitas presentadas tendo en conta o seu sabor, elaboración, presentación e orixinalidade e á fin elixiu como gañador a proposta de Jorge Oliveira Riveiro, veciño do lugar de Carreiras, que presentou un espeto de anguía bañado nun xarope de caña tostada e menta.

A proposta triunfadora acadou un total de 29 puntos, pero o certame estivo moi disputado, xa que ningún dos catro pratos presentados baixou dos 27 puntos e presentáronse receitas tanto innovadoras, como tradicionais. Jorge Oliveira recibirá o seu premio o vindeiro 30 de agosto durante os actos da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Ruta-Concurso Tapa a Anguía

Xa se poden degustar as propostas de oito establecementos da hostalería de Valga na duodécima edición da Ruta-Concurso Tapa á Anguía, que se realizará durante dúas fins de semana consecutivas. As mostras son gratuítas coas consumicións e o sábado poden pedirse de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas. Mentres que o domingo o horario é de 12.00 a 15.00 horas.

Durante esta fin de semana celebrase a primeira parte do concurso, na que os clientes poden votar pola mellor tapa e entrar no sorteo de 10 vales de 30 euros para gastar no comercio local. Para iso hai que reunir os selos dos diferentes establecementos e depositar as papeletas nas urnas habilitadas en cada un deles. Con este votos outorgaranse tres premios: os Mandís de Ouro, Prata e Bronce.

Algúns dos establecementos participantes son a Cafetería Auditorio con Ai Maruxiña, un prato de anguía ao allo con garavanzos e cogomelos, ou o Bar Pardal coa tapa Anguía entre cana.