
Non sei se o Concello de O Grove ou a Xunta tiveron que facer fronte a algún expediente sancionador por estas verteduras que, a realidade, é que continúan incesantes no tempo
14 jul 2025 . Actualizado a las 09:38 h.Miren a fotografía que acompaña esta columna. Foi tomada desde unha vivenda de San Vicente do Mar o pasado 6 de xullo, día solleiro e cunha elevadísima presencia de transeúntes nas praias de San Vicente. É semellante a outra foto publicada neste mesmo espazo no 2023. En primeiro termo vese a bocana do porto deportivo de Pedras Negras, despois vén a insuíña do Portiño, uns cantos veleiros fondeados, e as praias Area da Cruz, O Pozo e Paxareiros. Entre os barcos e o illote flota sobre a auga do mar unha gran masa branca. Non sei que substancia será. Pero é unha vertedura da depuradora de augas residuais (EDAR) que hai no lugar, posta en marcha en 1999, da que é titular o Concello do Grove. Xa no ano 2020 a Consellería de Infraestruturas alarmou do seu mal funcionamento. O obxectivo dunha EDAR é transformar auga residual derivada da actividade humana en auga depurada. Se funciona ben elimina efectos ambientais negativos dos residuos da actividade humana, que levan materiais sólidos, lama, gases e cheiros derivados da descomposición. Neste caso concreto, esta EDAR bota no mar, a uns cen metros da ribeira, o que se supón que debería ser só un enorme caudal artificial de auga depurada, danoso de por si. Eu non sei moi ben cal será a composición desa substancia branca que aboia no lugar xusto onde remata o emisario submarino. Se cadra é porque ese día de tanta afluencia limparon a EDAR e iso que se ve resulta deterxente biodegradable —dá un pouco a risa— pero apostaría que é unha vertedura contaminante seguramente formada por substancias que afectan á saúde pública aínda que ninguén, por certo, mandase pechar esa zona de baño e de marisqueo. Esa emisión estará a producir algún efecto sobre a cadea trófica botando naquela beirada compostos orgánicos, metais, coliformes, estreptococos, ou eu que sei. Porque, sexa o que sexa a mancha branca, o punto de vertedura está, sen dúbida, demasiado achegado á ribeira, a escasa profundidade e nunha zona de produción de marisco. Esas augas residuais, zudre, proceden de toda a parroquia de San Vicente, —cunha notable ocupación de cámpings, a maioría non autorizados para as miles de prazas reais e que esperemos que nunca se vexan afectados por un sinistro—, e, como dicimos, de transeúntes incontables e incontrolados. Ese volume de enxurrada vai canalizado a esta depuradora que non está deseñada para tal ocupación humana e verte na enseada da Lanzada, a poucos metros da praia do Seixeliño. As augas residuais en teoría aí sométense a un pretratamento a través de peneiras para eliminar areas e graxas, deseguido procésanse con produtos químicos e, por último, elimínanselles nutrientes e lama. E debería saír ó mar auga limpa. Pero non é así: aí está a fotografía. Non é un problema único desa EDAR. A Directiva 91/271/CEE do Consello Europeo de 1991 sobre tratamento das augas residuais buscaba a protección do medio ambiente e da saúde das persoas fronte aos vertidos de augas residuais urbanas. Fai vinte anos os Estados tiñan que ter depuradas todas as augas de poboacións de máis de 2.000 persoas que vertesen a estuarios. En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE empezou a condenar a España por incumprimento xeneralizado. As multas que leva pagando o Estado español pasan dos oitenta millóns de euros. Non sei se o Concello de O Grove ou a Xunta tiveron que facer fronte a algún expediente sancionador por estas verteduras que, a realidade, é que continúan incesantes no tempo. A fotografía é clara: o vertido é innegable. Descoñezo de que é, pero é. E alguén debería pedir explicacións, alguén debería dalas e, sobre todo, alguén tería que evitar ese xurro branco no mar e asegurar que por alí só sae auga limpa. Por certo, se fose limpa ben podería recollerse para rega de espazos públicos e non botala ao mar. Estes días volve a incontrolada afluencia de transeúntes a esta zona e, por iso, habería que intentar que non volva pasar. Estou en que non se moverá un dedo.