
O pleno de Ribadumia conta co maior porcentaxe de mulleres entre os municipios do Salnés
29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A ONU conmemora mañá o Día Internacional do Parlamentarismo co lema de alcanzar a igualdade de xénero neses lugares de liderado, porque as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nas diversas cámaras. Na maioría dos plenos dos concellos do Salnés —miniparlamentos, aínda que ás veces puidese dar a impresión cómica de estarmos presenciando unha Asemblea Xeral da ONU— aínda non se alcanzou esa paridade. Avanzouse, pero en Sanxenxo e O Grove están nun 41,18 %; en Meaño nun 46, 15%; en Meis nun 36,36 %; en Cambados nun 43,75 % e en Vilagarcía de Arousa nun 38,09 %. Chaman a atención os concellos de Ribadumia cun 61,54 % e o de Vilanova de Arousa cun 58,82 %. Parabéns para estes, e que empecen a falar máis elas. Os parlamentos materializan a democracia, na que as armas son as palabras e representan a antítese da guerra; son o reino da oratoria e da dialéctica, non dos mísiles; son o imperio da soberanía popular, son os lugares onde coa convicción das verbas técense acordos e alianzas para cumprir os mandatos derivados da vontade popular. Con luz, con claridade, só, como digo, coa única autoridade da palabra. Agora mesmo, non obstante, obsérvanse tendencias perigosas, todas dirixidas a ignorar que a soberanía popular reside nos parlamentos, non no Goberno, nin noutros órganos por moi constitucionais que sexan.
Algo que me dá, en certa maneira, calafríos, é ver ao rei español presidir órganos de xestión, sen que pinte nada alí nin, por suposto, teña ningún tipo de coñecemento que achegar; por exemplo facendo que dirixe reunións dos comités técnicos para adoptar medidas derivadas das enchentes en Valencia. O mesmo me pasa diante da suficiencia dos seus discursos moralizantes. E prodúceme un sentimento semellante comprobar que, aquí e alá, personalízase en liderados individuais como se a Humanidade tendese a confiar en vez de no diálogo e no pacto dos representantes electos, en líderes carismáticos que se envolven nun culto á personalidade. Dá medo, como se non se tivese aprendido nada da Historia. Pero o máis problemático é a falta de nivel, cultural tamén, que se observa na actuación pública da clase política. Non falo tanto dos plenos municipais, senón do Congreso e Senado españois. A verdade é que non descoñezo que a actual lexislatura implicou avances no eido social e unha evidente modernización da lexislación, incluída a que se refire ao mundo xudicial no que me movo. Aplausos. Todas esas reformas, necesarias, implican traballo e coñecementos que convén gabar. Pero esa non é a imaxe que se irradia através dos medios de comunicación. O que percibimos a xente do común, titular a titular, telexornal a telexornal, son berros guturais, xestualidade innecesaria, insultos, frases cortas e ampulosas, ataques persoais, un permanente e ti máis...en fin: vulgaridade absoluta, exceso de aldraxes e ausencia de debate político. Ese batifondo, barullo insoportable, non permite escoitar ideas. Nin sequera transmite unhas mínimas formas cívicas, educación. Esa imaxe pública —a do traballo diario non é pública— desprestixia as institucións e aos políticos que caen nesas actitudes, digamos, —con benevolencia—, prosaicas por non chamarlles túzaras. Todo iso unido a ese cada vez máis acusado culto á personalidade e consecuente menosprezo do parlamentarismo é ameazante, perigoso.
Non sei se a conmemoración que fai a ONU do Día do Parlamentarismo vai ter repercusión. Pode que haxa forzas escuras que non queiran resaltala. Estou en que é unha gran celebración, moi pertinente nestes intres. Se a iso engadimos que ese organismo pretende que se incremente o papel da muller nos lugares onde se representa a soberanía popular, diría que o acerto é pleno porque, permítanme dicilo así, para o diálogo fan falta moitas palabras e raciocinio e moi pouca testosterona e simpleza. As mulleres teñen que facerse escoitar como protagonistas: seguro que elas non nos levarían a ningunha guerra.