«A música non ten idade, por iso non lle pomos etiqueta»

elisa pérez / B. C.

AROUSA

CEDIDA

Clásicos de artistas coñecidos como Frank Sinatra ou Tina Turner soarán esta tarde na terraza cambadesa

22 ago 2019 . Actualizado á 05:00 h.

O soul, o jazz, o swing ou o mambo son terreos máis que coñecidos pola formación Gallaecia Small Band, é dicir, a versión en pequeno formato de Gallaecia Big Band, composta por varios músicos con experiencia no ámbito artístico galego. Hoxe, a partir das 20.30, serán nove intérpretes os que lle porán banda sonora á última velada estival do ciclo Vos Xoves de Códax.

A agrupación, habituada a tocar en congresos, galas ou vodas, fará gozar aos asistentes á terraza das adegas cambadesas cos temás máis populares da historia da música desde os anos 30 ata os 80. Frank Sinatra, Aretha Franklin, Tina Turner ou The Blues Brothers soarán esta tarde grazas ás voces de Paty Lesta e Ely Morales, ás que acompañarán o saxofón de Pablo Castaño, o trombón de José Luis Miranda, a trompeta de Hansel Luis Díez, a batería de Carlos Bastón, a percusión de Tony González, o contrabaixo de Pachi Cruz e o piano de Cristian Leggiero.

Os integrantes deste grupo homenaxearán aos grandes artistas do século XX coas súas cancións máis lembradas, co obxectivo fundamental de facer pasar un bo intre aos seus espectadores. Segundo Paty Lesta, o propósito principal da súa banda é «recuperar a música de outrora», e esta vez farao no que é para eles «un enclave precioso, no que agardamos que se xere un ambiente marabilloso. Tamén nos encanta que o público sexa amplo, pois consideramos que a música é subxectiva e non ten idade, por iso non nos gusta porlle etiquetas ao noso son».