A reacción do BNG da Mariña aos presupostos da Xunta: convocará mobilizacións pola falta de investimentos na VAC ata Viveiro
VIVEIRO
En 25 anos só se executaron 15 dos 90 quilómetros previstos
21 oct 2025 . Actualizado á 13:43 h.«O PP abandona unha vez máis a Viveiro e á Mariña». Esa é a lectura que se fai desde o BNG mariñán dos presupostos autonómicos presentador pola Xunta para o ano 2026, que pon o foco na falta de avances na obra do corredor que desde Xove debería comunicar Viveiro con Ferrol, vertebrando A Mariña occidental. «No mes de novembro cúmprense 25 anos das mobilizacións polo desvío da Transcantábrica hacia Vilalba, cando o PP modificara o trazado inicial que contemplaba o seu paso polas zonas central e occidental da Mariña, Ortegal e Ferrol. Coincidindo con estas datas, desde o BNG anuncian tamén iniciativas nos concellos e nas institucións para instar á Xunta ao remate desta importante vía ademáis de mobilizacións sociais, actos informativos e reivindicativos», anuncia o BNG.
A executiva comarcal nacionalista e o grupo municipal do BNG de Viveiro denuncian que a falta de investimentos lastra o desenvolvemento económico de Viveiro e a comarca. O portavoz municipal do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, e o concelleiro Seve Salgueiro referíronse tamén á resposta da Xunta á pregunta sobre a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, na que o goberno autónomo condicionou o investimento na VAC a que se complete a autovía A Mariña A-74, cuxa execución compete ao estado: «Con esta resposta por escrito quedan claras as intencións do Partido Popular, que é desentenderse con desculpas de mal pagador, dos seus compromisos con Viveiro polos que levamos agardando 25 anos», manifestaron Cotelo e Salgueiro.
Pola súa banda, o deputado autonómico ribadense Daniel Castro incidiu en que «25 anos despois da promesa da construcción do corredor só hai executados 15 km en dous tramos, dun total de 90 km. e curiosamente eses dous tramos foran licitados polo goberno bipartito». Por todo iso, Castro avanzou que o BNG presentará emendas aos presupostos.