




































































A cita a beiras do río Landro quere recuperar a declaración de Interese Turístico Nacional
25 ago 2025 . Actualizado á 12:49 h.Polbo o venres, churrasco o sábado, xamón e lacón cocido o domingo, caldo o luns e sardiñas o martes. A grandes liñas, este é o menú que degustan estes días os 17 comensais da mesa que montan en Naseiro «vos Calpitas, vos Rancheiros e vos de Vieiro». Perfectamente acondicionada con cociña, neveira ou sofás, a caseta reúne a pais, avós, tíos ou curmáns que residen entre Viveiro, Ourol e Lugo, e é unha das que aínda mantén intacto o espírito da Romaxe do Bo Xantar, a festa que desde o venres ata mañá congrega a decenas de miles de romeus no val do Landro, en Viveiro. «Aquí respectamos a tradición e comemos todos xuntos á mesa!», sorría onte ao redor das 14.30 horas a máis veterana da familia, Carmen, de 78 anos, e bisavoa de Sofía, de 2, o máis mozo. Á mesma hora, a pouco máis de 200 metros, a orquestra Super Top animaba con rancheiras como a mítica Me gustas moito, de Rocío Dúrcal, e cumbias unha sesión vermú que, por segundo día consecutivo, reunía a miles de romeus baixo un sol de xustiza.
Pistolas de auga, chapeus, abanos, litros de líquido (alcohólico e non) e incluso cubos enchidos con auga do río serven para refrescarse mentres soa a música dando pé a que amigos ou coñecidos das idades e procedencias máis diversas reencóntrense nun tempo e un espazo onde «todo son amores e se olvidan rencores», como resalta unha coplilla composta no Naseiro dos anos oitenta. «O sábado facía tanta calor que nós baixamos ó campo da festa unha sulfatadora e unha mochila con auga», explicaba Adrián, onda Pamela, Iván e Santi.
A cuadrilla está formada por rapaces de entre 17 e 25 anos de Ourol, O Vicedo e Viveiro. Aínda que o venres, Día do Polbo, non comeron o saboroso cefalópodo, si tratan de levar comida caseira na medida do posible. «Un día un trae carne asada, outro día outro trae callos, outro empanada, tortilla... Ímonos turnando», relataron onte, recoñecendo, iso si, que moitos mozos da súa idade, e incluso maiores, se avituallan para a romaría de pratos rápidos, como as nuggets ou alitas de pito, patacas fritas con salchichas, hamburguesas ou costelas asadas que preparan en postos que duns anos a esta parte comparten parcelas con polbeiras e sidrarías tradicionais.
Seis traslados en ambulancia
«É unha festa tranquila», destaca o responsable de emerxencias de Cruz Roja na provincia de Lugo, Jacobo Ginzo. Ata as doce do mediodía do domingo, os catro técnicos do posto instalado xunto ao campo da festa realizaran seis traslados en ambulancia (dúas persoas sufriron síncopes pola asfixiante calor na sesión vermú do sábado, houbo dúas intoxicacións etílicas, un posible ictus e un traumatismo). Tamén 40 atencións; na súa maioría, para curar feridas ou retirar obxectos cravados. A coordinación con Protección Civil, Policía Local, Policía Nacional e o Punto Lila (de prevención e protección contra as agresións sexistas) é total para que a festa flúa en harmonía. «Na festa moito depende do de arriba! Pero este ano, aínda que vai bo tempo, a xente non gasta porque non hai cartos», comentou no campo das atraccións Fernando Estévez Jorja, responsable dun inchable de 182 metros cadrados que fai as delicias dos máis pequenos.
Con todo, sempre hai unha cara b, e os romeus demandan que se instalen dunha vez baños públicos en condicións («coma vos do Resu», manifestan moitos). Axudarían a manter a salubridade nunha cita cuxos orixes se remontan un século atrás, cando o empresario José Barro comezou a organizar unha comida anual para os traballadores do complexo industrial Barro-Chavín. Agora, Concello e comisión traballarán para que recupere a declaración de festa de Interese Turístico Nacional coa que foi recoñecida en 1967 e que non renovou nos anos oitenta.
A orquestra Salsarena e o grupo Arizona encherán este luns de música en directo Naseiro
A Romaxe do Bo Xantar chega este luns á súa cuarta xornada. O luns de Naseiro, en Viveiro, chegará cargado de música en directo, xa que actuarán a orquestra Salsarena e o grupo Arizona. A primeira formación, que ofrecerá xa a sesión vermú, ten a súa sede en Mondoñedo. Dirixida polo saxofonista Enrique Veiga, sobe ao escenario a 12 músicos profesionais para tocar temas de jazz de Glenn Miller, cumbias dos Billo's Caracas Boys ou temas de Amaral ou Melendi. No grupo Arizona tocan dous viveirenses: o baixista Aarón Cazás e o baterista Julián González. Este martes será o fin de festa, e o mércores, o Día do Neno.