O Concello de Viveiro pide que non se use a auga da traída para beber, cociñar e a hixiene bucal tras unha vertedura de xurro ao río Landro

VIVEIRO

Técnicos de Viaqua, Sanidade e Concello supervisan de xeito continuo o estado do caudal e da potabilizadora, que segue pechada. Os veciños comezan a abastecerse de auga embotellada
07 jun 2025 . Actualizado á 22:53 h.A vertedura de xurro procedente dunha granxa de Muras que afecta o río Landro desde o pasado venres continúa, pero a auga está garantida en todo Viveiro durante as próximas horas. Con todo, nun bando feito público ao redor das dúas da tarde deste sábado, a alcaldesa, Mariña Gueimunde, instou os veciños de Viveiro a restrinxir o uso da traída e pide que non se empregue para beber, cociñar ou lavar os dentes. Pouco despois, Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, divulgaba un aviso no mesmo sentido, indicando que non estaba permitido o uso da auga da rede beber, preparar ou lavar alimentos e para a hixiene bucodental, e si para a hixiene persoal e tarefas domésticas de limpeza.
Desde primeira hora do sábado, técnicos de Viaqua xunto con técnicos da Consellería de Sanidade (departamento territorial en Lugo) e do Concello de Viveiro (15.217 veciños), do mesmo xeito que fixeron durante toda a noite, supervisaron o estado actual do caudal, así como da ETAP (estación de tratamento de auga potable), potabilizadora, emprazada en Landrove, que continúa pechada á captación de auga. De feito, cando se detectou o pico de contaminación xa estaba pechada posto que a súa capacidade de almacenamento, que rolda os 4.500 metros cúbicos, atopábase ao máximo. Trátase da potabilizadora que abastece aos ao redor de 15.000 habitantes do municipio.
Desde entón non volveu a ser arrincada e continúa fornecendo auga a todo o municipio. «A auga da traída que está chegando ás casas cumpre a norma sanitaria», informaron minutos antes das nove da mañá fontes autorizadas, que ratifican a información facilitada polo Concello viveirense este venres a última hora. «Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía para facer un uso responsable da auga durante as próximas horas, evitando consumos innecesarios e favorecendo o aforro nos fogares. Esta medida preventiva axudará a garantir a estabilidade do servizo mentres se mantén o seguimento continuo da situación», apuntou nun comunicado.
Sanidade está a realizar controis analíticos na zona de captación de auga, onde a contaminación continúa.
Desde a Consellería de Medio Ambiente da Xunta indicaron que foron desprazados ao lugar axentes ambientais e do plan de control de verteduras de Augas de Galicia para recoller mostras, levantar actas e estar pendentes da evolución da vertedura.
Desde o Concello de Muras, o alcalde, Manuel Requeijo, precisou á primeira hora do sábado que ningún veciño nin ningunha administración puxérase en contacto con el nin lle notificara a existencia de ningunha vertedura.
Comunicado do 112
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu aviso ás catro da tarde do venres dunha vertedura no Landro, á altura da estación depuradora de Viveiro. Segundo a información facilitada, a auga presentaba unha intensa cor marrón e desprendía un forte cheiro a xurro. Ademais, as primeiras medicións apuntaban a niveis moi elevados de amonio. «Ante a gravidade da situación, desde o 112 Galicia informaron os Bombeiros de Viveiro, Lugo, Betanzos, Eume e Barreiros, así como a axentes da Garda Civil, Policía Autonómica e Local; e a autoridades ambientais da Xunta de Galicia», sinalan desde o 112, que tamén mobilizou ao Grupo de Apoio Loxístico (Gali) da Axencia Galega de Emerxencias.
Unha vez no lugar, os equipos desprazados avaliaron a situación e comprobaron que non era posible actuar para retirar a vertedura empregando a bomba de achique de gran caudal, debido ás características do terreo e á distancia existente entre a depuradora e o regacho afectado. Por este motivo, mobilizaron varias cisternas procedentes de diferentes parques de bombeiros, do servizo de Medio Rural e do propio Gali, co obxectivo de, en caso de ser necesario, abastecer de auga á estación depuradora e garantir a subministración á poboación. Algo que polo momento non foi necesario.
Consellería de Medio Ambiente
Desde a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia indican que o sábado foron despregados na zona tres axentes facultativos ambientais, así como dous gardas de recursos naturais, coordinados polo director territorial. Ademais, Augas de Galicia mantén técnicos do Programa de Control de Verteduras, que levan a cabo unha valoración global da zona e controis da vertedura e do medio receptor. «Os axentes e técnicos despregados están controlando o cauce do río Landro, mentres se practican novas inspeccións na explotación na que se orixinou o vertido. Neste punto, o obxectivo e asegurar que non chegue novo material contaminante ao medio receptor. En paralelo, estase traballando na retirada de ictiofauna que resultou afectada polo vertido. Nunha inspección preliminar, semella que a incidencia foi baixa. Técnicos da Consellería de Sanidade tamén traballan na zona, no seu caso, na captación de auga para consumo humano en Viveiro. En coordinación, todo isto, coas Consellerías de Presidencia (Axega) e Medio Rural. En canto á dotación de auga potable ao Concello de Viveiro, continúase a traballar para garantir o subministro», manifestan as mesmas fontes.