Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro: «Se o vertido de purín ó río chega a entrar nos depósitos da auga, a liada sería tremenda»

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

La alcaldesa, Mariña Gueimunde, este sábado en la Etap de Landrove, junto al río, supervisando la coordinación de los trabajos. <span lang= gl >«Isto é unha emerxencia que nunca se viu»</span>, recoñeceu
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, este sábado na Etap de Landrove, xunto ao río, supervisando a coordinación dos traballos. «Isto é unha emerxencia que nunca se viu», recoñeceu Xaime Ramallal

O Concello encargou analíticas de contaminación das praias

07 jun 2025 . Actualizado á 17:32 h.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, lanzou este sábado pola mañá unha mensaxe de tranquilidade aos veciños do municipio, asegurando que a potabilidade da auga da traída está garantida pese á importante vertedura de xurro que afecta o río Landro desde o venres pola tarde. Procede dunha explotación porcina situada no municipio de Muras, na zona do Viveiró, nos primeiros quilómetros do río, onde rompeu unha balsa de xurro que verteu ao caudal unha inxente cantidade de residuos altamente contaminantes. Ao redor das 10.30 horas, en declaracións realizadas xunto á ETAP (estación de tratamento de auga potable) situada en Landrove, a rexedora recoñeceu que as analíticas máis recentes aínda guindan uns índices elevados de amonio, aínda que máis baixos que os rexistrados o venres. 

«Se o vertido de purín ó río chega a entrar nos depósitos da auga, a liada sería tremenda porque ía danar a potabilizadora», apuntou Gueimunde. Cando as sondas da ETAP detectaron o pico de contaminación, ao redor das catro da tarde, a potabilizadora estaba pechada posto que a súa capacidade de almacenamento, que rolda os 4.500 metros cúbicos, atopábase ao máximo. Esa circunstancia facilitou que a instalación non sufrise ningún tipo de dano, e que a auga que está a chegar aos viveirenses a través da traída cumpra «coa norma sanitaria», como indicaron desde Viaqua, empresa concesionaria do servizo de abastecemento de augas. 

A Etap de Landrove fornece auga potable aos 15.000 habitantes do municipio viveirense. 

Nesa liña, a rexedora quixo facer un chamamento á «prudencia» na utilización de auga da traída durante as próximas horas para evitar consumos innecesarios

Se a contaminación do río persiste cando a potabilizadora se baleire, algo que, chegado o caso, previsibiblemente ocorrería a última hora da tarde ou á primeira hora da noite do sábado, a subministración de auga potable ás casas continuará garantido, posto que a Viveiro hanse desprazado xa, entre outros, camións cisterna de diferentes parques de bombeiros e un vehículo de grandes dimensións do Grupo de Apoio Loxístico (Gali) da Axencia Galega de Emerxencias destinado a facilitar a captación de auga noutro punto. Algo que, de ser necesario, segundo avanzou Gueimunde, realizaríase nun regacho nas inmediacións de Galdo. Nesa liña, a rexedora agradeceu a «total colaboración» que están a brindar as diferentes administracións, en especial a autonómica. «Isto é unha emerxencia, nunca tal se viu e quero agradecer a resposta da Xunta, dos bombeiros, da Deputación...», e encomiou a coordinación e colaboración que se está fraguando entre técnicos do Concello e de Viaqua, axentes da Garda Civil (Seprona), Policía Local e Autonómica, Protección Civil, bombeiros de diferentes parques, técnicos da Consellería de Sanidade ou 112. A rexedora tamén contactou cunha importante cadea de supermercados por se fose necesario reforzar o abastecemento de auga potable á poboación. «Hai que ter a previsión. Estamos pendentes dos valores que se vaian rexistrando nas próximas horas», indica. 

A contaminación de xurro chegou tamén á ría, polo que o Concello encargou análise da auga nas praias de Seiramar, Covas, Celeiro e Area co obxectivo de fixar a prohibición do baño se os estudos así o indican. 

Desde o Seprona confirman que se están levando a cabo investigacións en relación coa orixe da vertedura que serán remitidas á autoridade competente. 

Medio Ambiente inspecciona a zona onde se orixinou a vertedura

Desde a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia indican que este sábado están despregados na zona tres axentes facultativos ambientais, así como dous gardas de recursos naturais, coordinados polo director territorial. Ademais, Augas de Galicia mantén técnicos do Programa de Control de Verteduras, que levan a cabo unha valoración global da zona e controis da vertedura e do medio receptor. «Os axentes e técnicos despregados están controlando o cauce do río Landro, mentres se practican novas inspeccións na explotación na que se orixinou o vertido. Neste punto, o obxectivo e asegurar que non chegue novo material contaminante ao medio receptor. En paralelo, estase traballando na retirada de ictiofauna que resultou afectada polo vertido. Nunha inspección preliminar, semella que a incidencia foi baixa. Técnicos da Consellería de Sanidade tamén traballan na zona, no seu caso, na captación de auga para consumo humano en Viveiro. En coordinación, todo isto, coas Consellerías de Presidencia (Axega) e Medio Rural. En canto á dotación de auga potable ao Concello de Viveiro, continúase a traballar para garantir o subministro», manifestan as mesmas fontes.